Sinopse
Unha viaxe de exploración por Galicia sen saírmonos de San Sadurniño
Cociña da peza
Carmen achegouse a San Sadurniño despois de realizar unha intelixente e recoñecida campaña de posta en valor do seu territorio, Mazaricos. Non traía ningunha idea preconcibida, mais ben viña disposta a deixarse levar pola viaxe, explorando coa cámara as diferentes parroquias na compaña do novo poeta de Rianxo, Fran Gómez Regenjo. Axiña atopouse como "en casa", pois a súa mirada experimentada sobre o rural galego recoñecía temas, referencias visuais e historias que tamén se producían na súa terra: " Chegar a San Sadurniño coa intención de coñecer o entorno e explorar os seus encantos pode tomar máis de dous días. A idea era mostrar e achegar este concello viaxando por un entorno marcadamente familiar para quen vive en Galiza".
"O familiar envolve" é o resultado dese roteiro por Sansa; un fermoso paseo produto da contemplación, unha descrición acertada e chea de retranca da paisaxe natural, patrimonial e humana do municipio. Mais a mirada de Carmen fáísenos familiar, porque non se produce o estranamento do "outro", da mirada externa, - presente noutras pezas da Chanfainalab- xa que, neste caso, aínda que as circunstancias márcanas o lugar e o momento (San Sadurniño, setembro de 2017), a curta é en si mesma un retrato preciso do rural galego e, máis que nada, da idiosincrasia galega "Unha pasarela de imaxes de paisaxes naturais e sociais, estruturadas como una aproximación á road movie tan sinxela como un paseo por San Sadurniño. O espectador pode sentir como este concello mantén a esencia do rural cohabitando cos avances do día a día. É unha exploración dun entorno co que estamos familiarizados aínda que nunca viñeramos antes ata San Sadurniño ". Así pois, dispoñámonos a viaxar cos ollos de Carmen polos grandes e pequenos recunchos do concello, de quen nos mira como se fose "da casa", porque ben puidera ser que Carmen Rey non sexa só natural de Mazaricos, senón de calquera das parroquias de Sansa.
Equipo
Dirección
Galería
