Sinopse
Todo é artificial e natural ao mesmo tempo, son cualidades inseparables. A partires do tratamento da imaxe e mesmo do son, na curta queremos abordar duplicidades ambiguas, lindes difusas de conceptos aparentemente distintos pero que non existirían o un sen o outro. O obxectivo é poñer o foco nesa dicotomía natural-artificial, entendida non como oposición senon como partes dunha totalidade: dúas caras da mesma moeda.
Cociña da peza
Héctor e María achegáronse á Chanfainalab sen saber moi ben o fío polo que tirar nin o río no que mergullarse: "Chegamos a San Sadurniño bastante perdidos, pero coa inmersión na contorna e inspirados no pensamento do filósofo Bruno Latour, comezamos a reflexionar sobre como trasladar a configuración da paisaxe ao noso traballo. No visual, as lindes entre linguaxe fílmica e fotográfica esváense; no ámbito sonoro, cuestiónase a interrelación entre “igual” e “distinto” mediante a creación dun canon caracterizado pola superposición das notas que forman os tres estados dun mesmo acorde (igual nome, distinto son). Coa mestura de sons electrónicos (frecuencias puras), considerados artificiais, e notas “naturais” de guitarra, quixemos incidir na nosa percepción inicial".
"Lindes" é un exercicio plástico de potente suxestión conceptual sobre a paisaxe que nos envolve, onde se enxergan os lindes da expresión artística, entre figuración e abstracción, entre o branco/negro e as bandas de cor que transportan novos significados a nosa mirada. A banda sonora minimalista interpretada por María reforza ese punto psicodélico e hipnótico que habita na peza. "O resultado final, é unha curta experimental na cal, lonxe de tentar transmitir unha narrativa concreta ou lineal buscamos invitar á contemplación reflexiva do medio fuxindo da clásica oposición “natural versus artificial”. Todo é artificial e natural ao mesmo tempo, son cualidades inseparables. As consecuencias da actuación humana aféctannos directamente, pois a natureza non nos é allea, formamos parte dela. O mundo que nos rodea é consecuencia da intervención de distintas formas da vida e nós, os humanos, participamos activamente no seu deseño” Así pois, os novísimos artista visuais da facultade de Belas artes de Pontevedra invítannos a deixarnos levar, con novos ollos, pola paisaxe que nos rodea, como un todo integrado onde non existen fronteiras entre o natural e o artificial.
Equipo
Dirección
Música
María Martelo del Río
Galería
