Ir ao contido principal

Ciclo temático

Olladas desde Belas Artes

Videocreacións experimentais nacidas do encontro entre a creación artística e o territorio.

Películas
13
Duración
78 min
Anos
2016–2025

Sobre o ciclo

A mirada artística de Belas Artes transforma o descoñecido en creación

O amor é água que corre
O amor é água que corre

Este ciclo reúne obras de cineastas vinculados ás facultades de Belas Artes, unha presenza habitual en cada edición do Chanfaina Lab grazas á colaboración da profesora e cineasta Xixela Franco. A súa formación artística reflíctese, en boa medida, na atención ás texturas, á composición, a cor e á experimentación. Chegan a San Sadurniño cunha mirada allea á contorna e atopan na paisaxe, nos seus sons, nas texturas e nas persoas materiais para experimentar e crear. Desde a exploración visual e sonora ata a observación persoal e conceptual, estas pezas afástanse das formas narrativas convencionais para descubrir outras maneiras de relacionarse co territorio. Algunhas exploran o amor,  a memoria, e a ausencia; outras céntranse na observación introspectiva e interpretación da paisaxe, mais tamén hai videopoemas, ensaios visuais ou animación que amplían as posibilidades expresivas da creación audiovisual. En definitiva, unha suma de maneiras de mirar, sentir e interpretar o mundo.

"O amor é água que corre" (Claudia Pineda, 2022). A deusa Navia e a súa relación coa auga inspiran este poema visual sobre o amor, as emocións e os ciclos da vida. A partir da mitoloxía galaico-lusitana e de referencias como “Mujeres que corren con los lobos”, de Clarissa Pinkola Estés, Claudia Pineda constrúe unha experiencia sensorial na fervenza de Naraío. A cor, a luz e as follas colocadas diante do obxectivo crean imaxes dunha gran riqueza plástica En 2023 foi seleccionada nas seccións “Furacáns”, do Festival de Cans, e “Sinais”, do Festival S8.

“Lindes" (Héctor Pousa/María Martelo, 2024). A reflexión do filósofo Bruno Latour sobre a relación entre natureza e artificio inspira esta peza experimental. Héctor Pousa e María Martelo exploran as fronteiras entre imaxe fotográfica e cinematográfica, figuración e abstracción, son natural e electrónico. Un exercicio plástico e sonoro que cuestiona a separación entre o mundo natural e a intervención humana.

“Eu quero unha pipa" (Candela Conde, 2023). Un percorrido por San Sadurniño convértese nunha homenaxe íntima ao avó da cineasta. Candela Conde recoñece a súa presenza nos lugares, nas casas, nos bares, nos animais e nos pequenos xestos da vida cotiá. Un poema visual feito de instantes e lembranzas que transforma a paisaxe nun espazo de memoria, amor e ausencia.

"Vacas nocturnas no Forgoselo" (Gala Rodríguez/Rocío Campoy, 2025).  Un grupo de amizades sobe ao curro do Forgoselo, onde Kevin queda atrapado na noite e emprende unha viaxe de descubrimento persoal. Inspiradas pola atmosfera de “Twin Peaks”, Gala Rodríguez e Rocío Campoy mesturan paisaxes diúrnas e nocturnas, animais e elementos da vida moderna. Unha historia fantástica e sensorial sobre a procura do equilibrio entre o humano e o salvaxe.

"Destino, perderse. A lei do constante intento" (Irene Ávila,2024). A construción e reconstrución do Castelo de Naraío inspira esta reflexión sobre os ciclos da creación e a necesidade de volver intentalo. Irene Ávila relaciona o proceso artístico cos camiños da vida, nos que avanzar tamén implica perderse e comezar de novo. As imaxes da contorna mestúranse con animacións e garabatos nunha peza que converte a experimentación nun destino en si mesmo.

“Estruturas. Apuntes de San Sadurniño"  (Raquel Álvarez, 2022). Unha expedición pola contorna de San Sadurniño para descubrir e rexistrar estruturas e construcións de acubillo. Raquel Álvarez combina imaxes filmadas en MiniDV e Super 8 coa captación de sons directos, explorando a tensión entre imaxe e son. Unha ollada observacional que transforma elementos habituais da paisaxe en formas visuais inesperadas.

“A miña cor preferida é o verde” (Pablo Martínez, 2023). A Serra do Forgoselo convértese no escenario dunha reflexión íntima sobre a identidade e a procura dun lugar propio no mundo. A través dunha ollada onírica e dunha paisaxe que transmite calma, Pablo constrúe un autorretrato audiovisual no que afloran tamén a nostalxia e a soidade. Unha viaxe persoal entre a natureza e o desexo de atopar un espazo ao que pertencer.

“Catarse” (Aroa Calvo, 2023). Aroa Calvo toma a idea da catarse como punto de partida para expresar unha experiencia de transformación e limpeza interior. A auga e o vento convértense nas metáforas visuais dunha peza experimental que nace das sensacións vividas na contorna do Xuvia e do Forgoselo. Unha proposta persoal e aberta que invita a cada espectador a atopar o seu propio significado.

"Cartografía"  (Álvaro Trigo /Eva Lareo, 2024).  Un percorrido polos arredores do Castelo de Naraío para rexistrar e cartografar os seus espazos e atmosferas. Álvaro Trigo e Eva Lareo constrúen un mapa audiovisual a partir de puntos elevados, texturas naturais e materiais recollidos na contorna. Os xogos de escala, os achegamentos e as alteracións da imaxe dan forma a unha exploración experimental da paisaxe.

“Aínda hoxe as horas" (Mirian Opazo, 2019). A memoria, a ausencia e a culpa articulan esta carta de amor dedicada a unha persoa que xa non está. Mirian Opazo relaciona os recordos persoais coa paisaxe do Forgoselo, o granito das sepulturas e as augas do río Castro. Unha peza íntima e autobiográfica na que a natureza se converte nun espazo de lembranza e reconciliación.

"As cousas só son cousas" (Lucía C. Pan, 2019). Un pano de estrelas fluorescentes percorre San Sadurniño sen rumbo nin destino, nunha reflexión sobre os obxectos e as vivencias que gardan. Lucía C. Pan combina imaxes e voces para explorar a relación afectiva coas cousas que nos rodean. Unha proposta persoal e introspectiva que invita a sentir os obxectos como depositarios da nosa memoria.

“Muiño d ́Abaixo” (Cristina Souto, 2023). O antigo muíño familiar no que naceu o avó da cineasta convértese no punto de partida dunha viaxe pola memoria e o paso do tempo. A través do diálogo entre fotografías antigas e imaxes actuais da casa deshabitada, Cristina recupera as pegadas da vida que alí transcorreu. Unha peza íntima e delicada que nos invita a descubrir os espazos como depósitos de lembranzas e historias.

“O ollo cobizoso” (Lara e Noa Castro, 2016). Unha exploración experimental da paisaxe de San Sadurniño que propón mirar o natural e o cotián desde perspectivas inesperadas. Noa e Lara Castro alteran os encadres, os puntos de vista e a relación entre imaxe e son para deformar a realidade e descubrir outras formas de percibila. Unha peza provocadora e sensorial que invita a mirar coa mesma atención coa que escoitamos. Seleccionada na sección Sinais do Festival S8 en 2017.

A duración do programa é de 75 minutos.