Sinopse
Atópote en cada paso, en cada casa vella que se desgasta co tempo, no movemento que produce o aire nas distintas superficies, en cada bar que abre e sirve cuncas de viño e nas partidas de cartas que se xogan nel, nos coches pequeniños que suben amodiño as costas, nos animais que pastan nas fincas, nas tarefas do campo, nos tractores que preparan a terra e nos rulos que se recollen ó final da tempada. Esta peza é unha viaxe na que te atopei por San Sadurniño
Cociña da peza
Candela aterrou na Chanfainalab cunha idea inicial moi básica para desenvolver no territorio, mais que deseguida desbotou ao respirar a atmosfera de Sansa: "Unha vez en San Sadurniño tíveno claro. Son partidaria de apostar por unha idea unha vez que chego o espazo no que vou traballar, porque este me fala, a paisaxe sonora, a xente, o tempo, a distribución dos espazos….todo ten vida propia e única. E o final... foi o que fixen. No primeiro día vivín varias sensacións que me lembraron a unha persoa moi importante para min -o meu avó- e souben nese intre que a peza ía falar sobre el. Camiñando por San Sadurniño fun atopando o seu ronsel nos diferentes espazos que filmei para "Eu quero unha pipa".
"Eu quero unha pipa" é un poema visual, un puzzle formado por pequenos intres luminosos, cargados de vida, que no seu conxunto constitúen unha sentida homenaxe ao avó de Candela. "Non quero afondar moito nisto para non condicionar ó espectador, pero é moi importante para min ter conseguido darlle un espazo a sentimentos moi persoais arredor do amor e da morte. Como dixo J.A. Bayona: “las historias son criaturas salvajes que nos hacen estar vivos”. A emoción que se produce as veces no espectador pon de manifesto a universalidade das emocións. Espero que cada público consiga levar un anaquiño desta peza, para cando o precise". Do que se trata pois, é de deixármonos levar polo sentimento e a emoción da novísima cineasta de Porriño e viaxar con ela por Sansa na procura do seu ser querido. Unha viaxe universal que pode ser compartida por calquera persoa que busque no entorno as pegadas de quen amou algún día.
Equipo
Dirección
Galería
