Sinopse
Curtametraxe creada a partir do Castelo de Naraío e o feito de que este foi construído e reconstruído varias veces na mesma ubicación. A través desta idea, reflexiónase sobre o bucle dentro da creación artística, mesmo aplicado a calquera outro proceso: dende a creación da propia peza, aprender a atar os cordóns dos zapatos e o mesmo camiñar. Sempre dando un paso detrás de outro. (Este último ten unha gran presenza tanto no proceso como no resultado final, aínda que ambos os dous sexan o mesmo)
Cociña da peza
A cociña da peza comezou cunha Irene recén graduada en Belas Artes e lanzada ao mundo sen manual de instrucións e sen planes específicos de futuro para ese novo ano/curso que se aveciñaba. Así pois, podémola imaxinar na procura de inspiración, percorrendo os camiños de San Sadurniño cos ollos e ouvidos ben abertos. O único que tiña claro é que estaba perdida: "A materialización da idea comezou cunha recompilación masiva de imaxes a través dos camiños percorridos a pe por ríos e fragas do territorio. Naquelas andainas tentei absorber os matices do lugar, descubrir datos interesantes sobre a contorna, deixar que se cociñaran ben aquelas ideas na mente e reflexionar sobre a propia situación de incerteza e a necesidade de pasar por esa etapa, vivila, sentila, analiza e repetila todas as veces que fora preciso. Posteriormente traballei sobre elas incesantemente para representar aquel momento, e cheguei a realizar máis de tres curtas e outros tantos borradores. Finalmente, e como conclusión, engadín animacións de garabatos. Estas representan por excelencia o punto de constante intento dentro do buscar e experimentar (e por suposto, do atoparse perdida no caos). Ao igual que os tan falados e referenciados “camiños da vida”, xurdiron tal cantidade de ideas e posibilidades, que o final acabou sendo o mesmo que o inicio, fusionándose por enteiro o concepto de resultado e proceso. Foi necesario perderse de cando en vez, acompañados sempre da incerteza, xa que non sempre é preciso chegar ao final. O importante é simplemente intentalo. De esta maneira, cada vez que se repita o bucle mellorará un pouco máis ata chegar a un punto onde simplemente faise. As persoas interesadas poden entendelo mellor neste relato sobre o proceso de construción da peza.
"Destino, perderse. A lei do constante intento" é unha curta singular que nace da procura individual e a experimentación persoal confrontada cunha paisaxe que a novísima cineasta descoñecía previamente. As animacións desdebuxan os rexistros visuais, creando novas formas e xeitos de ollar a realidade. Segundo a propia autora: "a peza está en constante movemento e cambio, mesturando imaxes gravadas naqueles días en San Sadurniño xunto á “tolería” posterior de posproducción, tendo como principal soporte a experimentación con diferentes estilos e mesturando as ideas de o perderse como destino, a lei do constante intento e as súas famosas libretiñas, as cales, constantemente serven de inspiración e base ao tempo que definen, marcan e axudan no proceso artístico como apoio para definir as ideas, pensamentos e lembranzas". Así pois non queda outra que camiñar por sendeiros e corredoiras a par coa novísima cineasta ferrolá para descubrírmonos e gozar coa natureza e as paisaxes do noso territorio dende o seu persoal punto de vista.
Equipo
Dirección
Música
Gravacións ambientais, foley (autoría propia) e Freesound.
Galería
