Sinopse
Un pano de estrelas fluorescentes percorre San Sadurniño sen rumbo nin destino
Cociña da peza
Lucía achegouse á San Sadurniño cando estaba inmersa nunha rodaxe profesional. A paisaxe aberta e a liberdade creativa que estimula a experiencia do Chanfainalab abriulle a mente durante a procura da idea, do fío do que tirar: "Sempre traballo desde o departamento de fotografía dos filmes, pero non sempre foi así, fixen pequenas pezas de autoría propia fai tempo (artísticas e documentais), e facía moito tempo que non me situaba nesta tesitura. Quería facer algo sinxelo de forma, e necesitaba facer algo introspectivo de fondo. No marco do Chanfaina eu andaba en medio da rodaxe dun proxecto que sentía lonxano a min mesma, e na fin de semana só quería volver ás miñas propias emocións. Así que o meu compañeiro máis eu decidimos recorrer o Concello sen moitas expectativas, observar con calma o entorno. Acababa de ver "A Ghost Sory" de David Lowery e supoño que iso me levou a escoller o pano que levaba como protagonista da miña historia, unha referencia do máis literal, así xurdiu a forma antes que o fondo. Estudei Belas Artes, e alí aprendín que así é como me enfronto ao acto creativo, partir do concreto e tanxible para achegarme ao profundo e conceptual, deixar que os sentidos máis instintivos como son para min a vista e o tacto se espallen para que esperten pouco a pouco e ás veces de golpe o concepto que transcende. O fondo xurdiu tempo despois, en rodaxe a historia pasou de ser un drama, a unha comedia, a unha historia de terror, e foi no ordenador da miña casa onde se materializou a necesidades da obsesión. A miña relación cos obxectos que me rodean sempre foi moi especial, eu paso do almacenaxe compulsivo ao "minimalismo", pasando polo coleccionismo ás veces, dependendo da fase vital na que me atope, e en este tira e afrouxa, o que sempre permanece é a filosofía de que os obxectos conteñen partes de vida... como se as vivencias quedasen atrapadas no material. Así xorde a necesidade das entrevistas á xente que me rodea para saber se isto é máis universal do que indica a miña limitada experiencia".
"As cousas só son cousas" é unha moi persoal invitación a mirar os obxectos con alma que nos envolven ata formar parte de nós mesm@s: "Na curta existe unha afirmación que non comparto e unha negación latente nas imaxes, que dotan a un obxecto de libre albedrío. As voces en off establecen discursos distintos que se complementan e contradín en momentos, mentres nun universo paralelo as imaxes afondan no meu discurso persoal, cun non realismo narrativo e moi sinxelo. Gústame pensar que aínda que eu conceptualizo todo o que sae das miñas mans, e busco o por qué de case todos os meus actos creativos, non creo que isto sexa necesario para o público, creo que esta peza se sinte máis do que se pensa." Sentir máis que pensar, esa é a receita para degustar esta delicatesen filmada pola gran directora de fotografía. Nestes tempos de tribulación e corentena, nos que temos que compartir todo o noso tempo cos obxectos da nosa vida, a peza reclama que os sintamos e falemos con eles, para topar sentido, para recuperar as vivencias atrapadas nas cousas que nos rodean.
Equipo
Dirección
Galería
