Sinopse
"Cartografía" é un percorrido polos arredores do Castelo de Naraío coa fin de rexistrar e catalogar cada lugar e a súa atmosfera especial mentres se avanza de punto en punto fixando sitios clave da zona.
Cociña da peza
Eva Lareo e Álvaro Trigo, novísimos artistas vigueses achegáronse a Chanfainalab cunha idea moi xeral e racionalista do que ían gravar: "Chegamos cunha vaga idea do que queríamos facer pero transformouse totalmente coa observación da paisaxe. A idea inicial consistía en percorrer todo San Sadurniño gravándonos o un ao outro dende os puntos máis altos da zona. Ao final resultou nunha especie de viaxe entre estes puntos significativos pero despersonalizada totalmente. Unha especie de ente incorpóreo cataloga e cartografía toda a zona e toma mostras dos seus recursos. A rodaxe consistiu na unión de diferentes puntos altos do territorio que rodea o Castelo de Naraío despois dun previo estudo da zona e dos puntos que podíamos enlazar. Como idea final tómanse materiais do chan e o ambiente de varios fitos xeográficos que se integran na peza agregando información ás imaxes."
"Cartografía" é unha vídeocartografía sobre a contorna de Naraío a partir da observación directa e un método concreto de mapeo a través da cámara: ""Aínda sendo completamente diferente do que pretendíamos nun principio, o proceso de evolución da peza foi enriquecedor e sobre todo vimos dalgunha forma un tipo de experimentación distinta que nos insta a perdernos e volvernos encontrar". O interesante da Chanfainalab é a posibilidade de "observar" o noso territorio dende a perspectiva doutros ollos foráneos. Nesta ocasión, os novísimos artistas vigueses xeneran un mapa visual a través de xogos de achegamentos e distanciamentos dos fitos paisaxísticos e as propias texturas da natureza. Eva e Álvaro van saltando de punto a punto da parroquia, sempre ao carón do Castelo de Naraío, aproveitando recursos estilísticos, aberracións cromáticas e mesmo o ruído da pequena cámara de vídeo coa que compuxeron a súa videopintura cartográfica. Que vos preste a sua proposta.
Equipo
Dirección
Galería
