Aínda hoxe as horas
- Duración
- Localización
- NaraíoLamasBardaosIgrexafeita
Sinopse
Aínda hoxe as horas é unha peciña sinxela, pequeniña, que sae do burato do peito polo que debemos deixar escapar a negrura cando nos anega os pulmóns. Este filme é una carta de amor. O amor e a morte son indelebles, coma o granito eterno da Serra do Forgoselo
Cociña da peza
Mirian aterrou en San Sadurniño cunha idea clara do que ía a contar, pero non tanto o como, a forma: "Sabía que quería falar da memoria, seguir tirando do fío do que comezara a tirar no mestrado, e tiña na mente a imaxe do cemiterio. Nese senso, a visita ó Forgoselo con Fran Canosa foi reveladora. Entendín iso de que “no alto do Forgoselo a auga erosiona os penedos coma o tempo erosiona a memoria”. E que dese mesmo granito que lle da forma ó monte, están feitas as sepulturas. A relación entre aquela paisaxe, a memoria e a ausencia fíxoseme nítida e clara, e un paseo ás beiras do río Castro, en Naraío, fixo o resto. A viaxe a San Sadurniño foi sanadora. Cando unha fai cinema en primeira persoa, por moita autoficción que queira vender, sempre deixa parte de sí en cada peza. Nesta botei as tripas. Non é doado, a priori, confesarlle a unha persoa á que quixeches e que xa non está, que cando morreu, non a choraches. Que, polo que fora, non puideches sentir pena entón, mais que a vas lembrar sempre, coma unha sorte de doce penitencia. A min tocoume lidar con esa culpabilidade. Mais co tempo entendín que o punto emocional de extrema apatía no que me atopaba naquel tempo, non me deixou sentir tristeza. E que non pasa nada. Os pensamentos arredor da cuestión da memoria e da ausencia naqueles días en San Sadurniño, rodeada daquela paisaxe que, como ben refire Aldara Pagán, faite sentir eterna, devolvéronme aquela sensación de paz ao comprender que non debía odiarme por aquilo. Nin a min nin á outra persoa. Que a culpa non era de ninguén. Lembrar iso e canalizar determinadas emocións a través do monte, do río, dos penedos… foi curador".
"Aínda hoxe as horas" é unha fermosísima peza do "cine do eu", onde os sentimentos desbordan fora do marco do encadre para achegármonos ao interior da cineasta da Limia, que se revela a través dunha voz nidia e verdadeira como as augas axitadas do río Castro:"De todo este remuíño de emocións e asociacións saíu unha peza, como digo, pequeniña e sinxela na forma mais, penso, chea de sensibilidade e intención no contido. Alén de ser unha sorte de catarse persoal e íntima, abre a posibilidade á reflexión arredor de cuestións como a ausencia, o esquecemento e a lembranza, ou se queremos ir un tanto máis aló, a propia culpa. Como xa vai sendo para min costume, esta peza inscríbese, se se quere inscribir nalgures, no cinema de non-ficción en primeira persoa. Entre eses filmes que falan do pasado dende o presente e que ocupan posicións alonxadas das que todas albergamos no imaxinario, sen tratar de recrear o pasado, senón traendo a lembranza ao agora, deixando que se inflúan mutuamente". Pouco máis podemos engadir que invitar a deixarse levar por esta proposta hipnótica cociñada polo talento de Mirian e, acreditar que aquí habita unha gran cineasta con mirada propia.
Equipo
Dirección
Galería
