Sinopse
A beleza e sinxeleza da vida duns animais salvaxes no seu entorno natural na Serra do Forgoselo
Cociña da peza
Catalina participa activamente na Chanfainalab dende os 13 anos e aos 19 anos, o motivo e causa da súa vida segue a ser a natureza, nomeadamente os cabalos, cos que mantén un vínculo especial. Nesta edición decidiu aproveitar o foco sobre o Forgoselo e puido gravar a peza nunha escapada de fin de semana coa colaboración do seu irmán Jaime e Iago Lourido: "O encanto da natureza xurdiu das sensacións que teño case sempre que cabalgo na natureza: reflectir o encanto, paz e tranquilidade que nos transmiten uns animais tan fermosos como os cabalos salvaxes. Estas criaturas en concreto, habitan en plena liberdade nos prezados e fermosos montes do Forgoselo en compaña doutras moitas especies, tanto de fauna como de flora. Esa foi sempre a miña idea: a través de imaxes de cabalos, transmitir o concepto de liberdade."
"O encanto da natureza" é un digno colofón da 8ª Chanfainalab, unha edición que tentou iluminar a fermosísima Serra de Forgoselo. A peza de Catalina tráenos o arrecendo dos westerns clásicos con eses grandes planos abertos, cheos de luz e movemento que atravesan a paisaxe ancestral da serra. A música de cine potencia aínda máis o espectáculo visual que procura e ilumina o bravo escenario de chairas, turbeiras, penedos e camiños de monte: "cabalgar ao carón de poldros salvaxes é unha sensación marabillosa. Non podemos esquecer que aínda que algún destes animais estea domado, o seu estado ancestral de liberdade e fusión coa natureza perdurará sempre no máis profundo do seu ser". Bravo Catalina... Velaí a mensaxe de liberdade que tamén pretendemos deixar na 8ª Chanfainalab. Até o ano que ven.
Equipo
Dirección
Equipo técnico
- Montaxe
- Iago Lourido
Música
The Essay · Aaron Zigman; Hollywood Studio Symphony; The Horse Whisperer OST- 7. Montana; HAUSER - Tennessee (from Pearl Harbor)
Galería
