Ir ao contido principal
Animais de aquí

Animais de aquí

Cando os animais deixan de ser paisaxe e se fan protagonistas.

Cabalos, cans, gatos, vacas e pequenas criaturas que comparten territorio e historias coas persoas. Unha ollada ao mundo animal que habita e latexa no Chanfaina Lab.

vacas do ciclo animais

Pola súa vinculación co mundo rural, moitas pezas da Filmoteca do Chanfaina Lab teñen os animais como presenza próxima e cotiá na narración. Nesta escolma, unha ducia de filmes sitúaos no centro das historias: formigas, cans, gatos, cabalos, vacas, unha burra e mesmo unha limacha atlántica convértense en protagonistas, compañeiros de vida ou criaturas que espertan a curiosidade, o medo e a fascinación.

Desde a observación paciente da natureza ata a comedia, o misterio ou a experimentación cinematográfica, os animais móstrannos diferentes maneiras de habitar e comprender o territorio.

“Cando ruxe o formigueiro” (Abel Vega, 2017) mergúllanos no fascinante microcosmos das formigas, tan encantador como feroz. Cunha narración en off moi persoal, Abel Vega achéganos á complexidade social destes pequenos seres nun documental que engancha e nos invita a reparar naquilo que tantas veces pasa desapercibido cando camiñamos polo monte.

"As vacas desaparecidas"  (Bieito Beceiro, 2022) constrúe un relato breve e retranqueiro arredor das misteriosas desaparicións das vacas dunha familia gandeira. Unha historia na que o desconcerto convive co humor, mais a vida continúa malia non atopar un motivo lóxico para as desaparicións.

"Trae" ( Fran Bermúdez, 2019) converte a teima dunha cadela pola súa pelota nunha comedia física e vertixinosa, ao xeito do slapstick. A persecución leva a acción polas sete parroquias de San Sadurniño, nunha divertida viaxe que reivindica o cinema como puro entretemento.

"Proba de axilidade" (Jaione Camborda, 2014) explora a relación entre persoas e cans nun contexto de competición. Filmada en Super 8, a peza transforma o movemento dos corpos nunha coreografía experimental de formas, texturas e ritmos que evocan os filmes documentais da vangarda dos anos sesenta.

"A gatiñeira de San Sadurniño" (Fernando Cortizo, 2024) recupera unha truculenta historia local de 1904 relacionada cos gatos, os roubos nocturnos, a alteración da paz veciñal e un fatal desenlace. En si mesmo é un arquetipo de filme participativo e singular que agroma autenticidade e humor retranqueiro.

"O salvaxe leva o seu tempo" (Oliver Laxe, 2017) é unha videocarta íntima na que a relación cos cabalos convértese nunha reflexión sobre a liberdade, a natureza e a historia da humanidade. Unha ollada persoal do gran cineasta Oliver Laxe, que explora a comuñón entre persoas e cabalos e a posibilidade de recuperar unha relación máis igualitaria coa natureza.

"Negra sombra" (Pablo Millán, 2016) converte San Sadurniño nun territorio inquietante, onde a sombra dun gato negro anuncia o medo e a ameaza. A soidade, a morte e a desconfianza impregnan unha peza na que o animal se transforma en símbolo dunha presenza devastadora que arrasa con todo o que nos rodea.

"Sotobosque 1"  (Xiana do Teixeiro, 2015) propón unha observación minuciosa da natureza a través dunha limacha atlántica das fragas de Igrexafeita. A cámara achégase ao seu corpo ata convertelo nun universo extraordinario, entre a escultura viva e a criatura fantástica, invitándonos a contemplar aquilo que adoita pasar desapercibido.

"Maldito espírito" (Carlos Martínez-Peñalver, 2024) segue a peregrinación fantasmal de Nuno Freire de Andrade, O Mao, condenado a vagar eternamente polas densas fragas galegas. A aparición da burra Lola abre unha inesperada posibilidade de redención, nun relato fantástico que combina misterio e humor.

"O parto da parda" (Abel Vega, 2024) acompaña en primeira persoa o parto dunha vaca na casa de Cruz Piñón. Coa súa mirada directa e naturalista, a cámara de Abel convídanos a vivir a intensidade dun proceso esencial da vida rural e a contemplar a forza da natureza sen artificios.

"A illa de Helios" (Tono Mejuto, 2023) Unha manda de vacas convértese no mítico gando da illa de Helios nunha fábula experimental que mestura a Odisea de Homero, o azar e a maxia do cinema analóxico. Tono Mejuto transforma as imaxes das vacas de San Sadurniño nunha viaxe tan insólita como retranqueira, onde filmar, revelar e rumiar forman parte dun mesmo xogo creativo.

"O encanto da natureza" (Catalina Rodríguez, 2023) achéganos aos cabalos salvaxes da brava serra do Forgoselo, nunha sucesión de imaxes nas que o vento, a paisaxe e a vida animal transmiten unha profunda sensación de paz e liberdade.

O ciclo propón unha viaxe por diferentes formas de mirar os animais e o mundo que compartimos con eles: ás veces como compañeiros próximos; outras, como protagonistas inesperados, símbolos ou pequenos universos que tamén merecen toda a nosa atención.

A duración total do ciclo é de 92 minutos. Podes descubrir máis pezas na Filmoteca do Chanfaina Lab na etiqueta Animais.

Películas do ciclo

12 películas