Sinopse
Retrato da vida salvaxe nun formigueiro de Igrexafeita
Cociña da peza
Nesta edición, Abel quixo mudar de rexistro. En lugar de facer as videocartografías da parroquia ás que nos ten acostumados, pretendeu afondar na vida dos animais mais pequeniños do seu entorno despois dun tempo cavilando sobre o tema do seu filme: "Dinlle moitas voltas ao qué ía facer este ano, e quixen cambiar o meu estilo. Un día fun coa muller ata o Forgoselo para coller setas, mais eu andaba un pouco fastidiado e quedei na pista. A cinco metros había un formigueiro e estaba a pasar unha formiga que transportaba un enorme grilo morto. Viña polo carreiro, camiñando con moita dificultade, pero o que me chamou a atención foi que, deseguida apareceron dúas formigas máis para axudala, porque case non podía con animal. As tres foron loitando co grilo ata chegar á "casa". Era incrible ver que animais tan pequenos fulminan a outros que lle dobran en tamaño para ter garantida a despensa no inverno. Debín botar alí, pasmado, máis de media hora. Entón foi cando pensei, ben podería facer un vídeo desto". Así que Abel agarrou a súa “cámara do Alcampo que me custou 99 euros” e a ratos foi localizando e gravando a vida salvaxe dun formigueiro, nun tempo de gravación total que calcula en "máis de dous días enteiros"
"Cando ruxe o formigueiro" é un documental apaixoante que engancha de principio a fin; realizado ao xeito clásico, cun off "abeliano" no que amosa a complexidade social das formigas, un microcosmos ao que normalmente non lle prestamos atención cando andamos polo monte. O cineasta de Igrexafeita válese da súa espontaneidade, desa mirada limpa e do “amor co que describe praceres e vivencias de forma inocente e fascinante”, tal e como dixo del o director Óliver Laxe, admirador declarado da obra e do propio Vega. Este veciño bo e xeneroso, comprometido coa memoria e transmisión cultural do seu xeito de vida insiste en que vexamos o seu documental como unha metáfora da vida: "Recomendaríalle a quen se encontre un formigueiro, que se pare a miralo e se marabille do ben organizadas que están, porque é todo un espectáculo velas traballar. Como choian todas no mesmo sentido para non pasar necesidades no inverno e cómo axudan a eliminar os pequenos insectos da natureza." Reflectir a autenticidade e a verdade: este é o obxectivo deste veterano sen complexos e decidido a participar na Chanfainalab ata que o corpo aguante. A cabeza non lle para: "En realidade xa teño case decidido o asunto que vou facer o ano que ven, estoulle a dar voltas para ver cómo fago".
Equipo
Dirección
Galería
