Sinopse
O proceso do parto dunha vaca na casa de Cruz Piñón
Cociña da peza
Abel Vega é unha verdadeira institución da Chanfainalab, o noso chanfaineiro máis veterano, xeneroso e prolífico. Un home imprescindible pola súa bonhomía, retranca e sabedoría; diante de calquera dificultade ou incidencia todo vaise resolvendo co enxeño de Abel. Como en edicións anteriores, está en todas partes, axudando a quen o precise porque ignora o significado da palabra non: “Dende fai varios anos xa tiña na cabeza a idea de gravar o parto dunha vaca. Todos sabedes que me gustan os animais. Prefiro gravalos a eles que aos homes. Mais o problema é que non topaba xeito de facelo. Un día fun a casa de Cruz Piñón e vin que tiña a vaca preñada e falámolo. Quedamos pendentes do seu aviso para cando fora o parto e así foi todo. A gravación durou tres días: o día anterior, o propio parto e 24 horas despois de parir".
"O parto da parda" é unha impresionante e marabillosa peza de cine verité naturalista gravada ao "xeito abeliano" que non deixará indiferente a quen a mire: "É un tema que nunca se tratara na Chanfaina; busquei na rede e non topei moitas pezas similares a esta. Todo esta feito en directo, en tempo real. Penso que o tema está tratado con agarimo e sensibilidade, mesmo a xente queda cun sorriso ao final. O día da proxección comprobei que á meirande parte do público gustoulle moito e iso deixoume moi satisfeito. Eu estou moi contento co resultado final e agardo que a xente o desfrute véndoa como eu facéndoa”. Así pois, dispoñámonos a vivir en primeira persoa unha emocionante experiencia da natureza. Na Chanfainalab sentimos orgullo da consolidación do cineasta de Igrexafeita e que, edición tras edición, nos faga sorrir, mais tamén conmover.
Equipo
Dirección
Galería
