Sinopse
Lina ten tal obsesión coa súa pelota de plástico que é quen de chegar ata o máis alto e lonxe da Lobeira
Cociña da peza
Coma noutras edicións, a xenerosidade e a bonhomía de Fran fixéronse presentes durante os días da Chanfaina: participou no obradoiro de Sandra Sánchez sobre montaxe, axudou no que puido ao resto dos participantes e colaborou na edición da peza de Ana Lamas "As landras” e no reparto de "Qué pasou?". Mentres, a "cabeciña que ferve" de Fran ultimaba unha idea que lle roldaba dende que comezou a adestrar a Lina, a súa preciosa cadela mestura de labrador negro e Braco de pelo corto. "A idea agromou nun deses vídeos do reto de Instagram no que facía unha proba de montaxe coa cadela. Nesta peza, decidime a escribir un guión e saír dos límites da miña parroquia, utilizar máis medios e localizacións ou contar con colaboradores na rodaxe. Como dificultades atopeime cara a cara co dito de Hitchcock de “De nenos e animais, nin me fales”, descubrindo que ata a cadela máis obediente, a veces non fai todo o caso que un quere, como se pode ver nas primeiras tomas falsas dos créditos; tamén con que Lina tenlle medo aos ruídos fortes, coma por exemplo os fogos de artificio, e este ano parte da rodaxe coincidiu co San Pipote de Bardaos e tamén que non se pode fiar da meteoroloxía cando a rodaxe acontece en Galicia, xa que algunhas tomas -que por seren sinxelas deixei para o final-, tiveron que agardar ata ben pasado xaneiro para ser filmadas"
En "Trae !", Fran muda os rexistros aos que nos tiña acostumados para pasar ao que el mesmo denomina “cine entretemento” ou “cine de flocos de millo” e reafirma: "o único obxectivo desta curta é que os espectadores pasen un rato ben divertido" e abofé que o consegue. Neste caso, o marco ou xénero de referencia ven a ser o slapstick, unha comedia física como nos primeiros anos de cinematógrafo, onde a acción é o movemento son predominantes. A teima dunha cadela pola súa pelota é o sinxelo fío argumental que nos permitirá percorrer as sete parroquias do Concello a un ritmo vertixinoso. A esmagadora experiencia adquirida nos últimos anos pola práctica constante fican patentes neste arriscado exercicio de continuidade e movemento, onde Fran aplicou a máxima de Godard de que nunha rodaxe hai que “pensar, rodar e montar ao tempo”.
Xa avisamos no seu momento que o mellor cineasta da Lobeira habería de sorprendernos -e moito- no futuro. Con esta peza acredita xa a súa madurez, calidade técnica e sentido do ritmo. A veciñanza de Monte segue a agardar máis filmes de Fran Bermúdez e na cociña da Chanfainab sentímonos orgullosos da súa implicación persoal non só polas súas pezas, senón tamén polo seu teimudo compromiso en participar e crear comunidade.
Equipo
Dirección
Equipo técnico
- Equipo
- Ángela Arnosa
- Equipo
- Eloy Arnosa
- Equipo
- Kevin Lorenzo
- Equipo
- Ana B Gundin
Música
Ivan Fernández Coba, Bensound e Librería de Audio de YouTub
Galería
