Sinopse
O fantasma do señor Nuno Freire Andrade "O Mao", deambula sen descanso polas densas fragas galegas. Condenado a vagar eternamente polos camiños que un día cubriu de sangue, o seu destino podería cambiar coa chegada dunha enigmática mensaxeira.
Cociña da peza
Carlos achegouse a San Sadurniño na procura de elementos que lle interesan como cineasta: os espazos nos que habita a memoria, a historia e o devalar das xentes. De feito, veu cunha idea concreta e o seu actor fetiche (magnífico actor e mellor persoa Joel Fontán): "O noso obxectivo con esta peza era facer un exercicio de reencarnación histórica a través do cinema. Queríamos invocar a sanguinaria figura de Nuno Freire Andrade "O Mao" para reflexionar sobre a persistencia do mal no imaxinario contemporáneo. San Sadurniño foi un dos bastións de poder da casa Andrade onde houbo derramamento de sangue nas revoltas Irmandiñas , polo que nos pareceu que sería interesante facer unha peza na que a memoria do espazo, neste caso a fraga que segue ao castelo de Naraío, se fixera presente o noso filme"
Con "Maldito espírito", Carlos mantense fiel a si mesmo; por veces percibimos ronseis da súa longametraxe ( "Á procura da estrela"). Nesta ocasión, o punto de partida recrea o espazo que deambulou un dos persoaxes máis sanguentos da nosa historia. Mais o relato flúe aderezado cunha chiscadela de humor a través dos sensatos consellos da burra "Lola", de cara a súa redención e remate definitivo da permanencia do mal: "Estamos moi contentos coa nosa peza, sobre todo pola dimensión de xogo e creatividade que puidemos introducir a través da experimentación coa linguaxe cinematográfica. Penso que conseguimos facer unha ficción histórica de libre interpretación que pode ser inquietante, estraña e divertida a partes iguais. Ademais, coido que é moi importante dicir que puidemos colaborar cunha boa morea de veciñas de San Sadurniño, o que lle dá ese sentido de colectividade do que nace o cinema e que, dalgún xeito, permea a nosa curta". Unha suxestiva e fermosa peza que poderíamos cualificar como "cine histórico de autor" con recendos de Jean-Marie Straub e que gustará moito aos amantes da historia e do cinema con mirada propia. De feito, acaba de ser seleccionada no prestixioso D'A Film Festival Barcelona (2025).
Equipo
Dirección
Equipo técnico
- Produción
- Iago Lourido
Reparto
Música
Miguel Bianchi a partir de "Cantiga de maldicer contra Nuno Freire de Andrade, o Mao" de A Quenlla
Galería
