Sinopse
Nara nunca creu no amor a primeira vista, pero todo cambia nun instante cando ve pasar a Marco, un rapaz despreocupado e tranquilo. Nun segundo, queda atrapada pola súa presenza, fascinada polo seu sorriso e a harmonía coa que parece encaixar na paisaxe. Mentres el segue o seu camiño, Nara decide se achegarse e loitar coa súa timidez e o seu impulso por falarlle ou deixalo marchar
Cociña da peza
Kevin Lorenzo é un membro activo do equipo de cociña da Chanfainalab. Nesta edición desenvolveu varias accións formativas, como un curso de interpretación en agosto do 2024 para a veciñanza de Sansa e xestionando con eficacia -xunto con Ángela Arnosa- a área de casting e localizacións en numerosas pezas producidas durante a Chanfainalab. Mais tamén aproveitou calquera oportunidade para participar xenerosamente nas obras doutros cineastas participantes como o actor de "Punto de ignición" de Ángela Arnosa, "No tempo dos escapados" de Teño unha horta, "Solposto" de Iago Lourido ou "Maldito espírito" de Carlos Martínez-Peñalver entre outras: "Nesta ocasion, a idea xurdiu da vontade de capturar a beleza e a tranquilidade do rural, ao mesmo tempo que se abordaba unha historia chea de frescura e naturalidade onde florecen os sentimentos románticos entre dúas persoas que se atopan mentres dan un paseo pola natureza. As pequenas rivalidades locais crean momentos cómicos dentro dun ton lixeiro e de xiros inesperados".
"Mírame" é outro novo chanzo da procura e indagación nas posibilidades da linguaxe audiovisual na comedia, xénero ben querido por Kevin e no que se desenvolve con eficacia e soltura: "Mírame é unha comedia romántica que sucede no rural coa única pretensión de entreter e que o espectador pase un bo anaco. O resultado foi moi satisfactorio, xa que se logrou combinar humor e emoción, facendo que o público se ría e tamén se emocionase coas partes románticas. A química entre os actores foi clave para dar vida aos personaxes, deixando unha bonita mensaxe sobre o amor. Estou contento de como saíu todo. Aínda que se partiu dun guión finalizado, non se pechou a porta ás improvisacións que xurdiron durante a rodaxe, que aportaron un bo toque á peza final. O resultado mereceu o esforzo, ao obter unha curta con ritmo, dinámica e fácil de ver. Espero que vos deixe un bo sabor de boca". Agardamos que disfrutedes coa frescura da peza, como aconteceu na Gala da estrea; outra comedia resultona co cadro de actores e actrices locais que acompañan habitualmente as curtametraxes de Kevin.
Equipo
Galería
