Sinopse
O silencio dos éolicos é o froito da observación da actividade cotiá dun gandeiro mozo e da súa familia nunha facenda de vacún de leite na serra de Forgoselo, nas terras altas de San Sadurniño, durante unha mañá de verán
Cociña da peza
A pesares de ter percorrido unha morea de corredoiras polo país adiante, o inquedo Aser, un verdadeiro fervello das máis diversas actividades, nunca aterrara por Sansa. E ao fin achegouse á Chanfainalab acompañado da súa familia, Carlos e Olivia: "Levaba anos querendo ir a San Sadurniño. Acababa de ver, na súa casa de Laraño, algúns dos fragmentos da peza que Óliver Laxe fixera o ano anterior na Chanfaina sobre os cabalos. Que carallo ía facer eu... Vacas?. Para un pobre arraiano coma min, todo o interesante sempre acontece na raia, na fronteira. Por iso, cando cheguei á terra prometida, despois de dous días case sen durmir, o primeiro que fixen foi madrugar moito para meditar ao amencer e facer contrabando audiovisual nos límites xeográficos de San Sadurniño, na Serra de Forgoselo , vixiado polos grandes muíños, nun lugar misterioso e bravo, onde o silencio só é tal cando os eólicos paran. Non sabía moi ben o que procuraba, mais algo me levou até alí para ver como era un día na vida dun gandeiro mozo. Ou mellor dito, quería ver dende os ollos dos seus fillos. Pero falloume a produción e os meus fillos, que ían interactuar con eles, pasaron de min con moi bo criterio e quedaron a durmir para ir á piscina pola mañá. Así que fixen o que puiden. Unha das miñas chanfainadas, feita a base leite con eólicos, vacas pintas e un tractor espichando un rolo de herba, o cheiro do silo e un tanque de frío, unha familia de gandeiros, o vento e o silencio."
"O silencio dos eólicos" e un breve percorrido polo xeito de vivir da única familia que vive no afastado lugar de Racamonde, no linde fronteirizo da parroquia de Naraío. A pesares do seu aparente illamento, a familia Arnoso-Anca vive feliz no rural, a base dunha explotación gandeira rodeada de aeroxeradores. A tranquilidade e beleza brava de Racamonde aparece retratada coa ameaza sonora, case perpetua, dos trebellos eólicos, metáfora da modernidade. Aser, militante e defensor a ultranza da revitalización dos espazos agrarios, móvese como peixe na auga por un mundo que coñece ben e, polo tanto, ama: “So o meu mestre, Plácido Romero, podía poñer orde naquel collage que gravei nas Terras Altas de Sansa. Así que todo o mérito que poida ter esta peza é seu. Seu e dos protagonistas. Só lamento que non poidades ver o meu combate coas formigas voadoras asasinas, nin a espectacular fuxida no Land Rover, unha secuencia prohibida coa que ía fundar o club de fans de Abel Vega, un dos grandes cineastas locais de San Sadurniño." O marabilloso plano secuencia que abre a peza, no que Xoel nomea a todas as "súas" vacas acredita ben a simbiose de Aser co rural. Dende a Chanfainalab estamos orgullosos de incorporar a mirada dun cineastas máis comprometidos coa cultura labrega do país. Viaxemos pois ata a fronteira Sur de San Sadurniño neste retrato humano, amable e agarimoso, dunha familia que aposta sen complexos por vivir o seu día a día no rural galego.
Equipo
Dirección
Galería
