Biografía
Aser Álvarez , licenciado en Ciencias Políticas e Xornalismo e especialista universitario en Comunicación Audiovisual, pasou a infancia vendo pelis de moca no cine de Celanova, na compaña do seu amigo Xesús, o derradeiro operador cinematográfico de sala da vila. Despois de facer un par de pelis de ninjas cunha vella cámara de super 8, traballou como redactor e guionista na TVG e na Cadena Ser, gañando o premio ao mellor documental radiofónico no I Open Radio do Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona. Cineasta dinámico e polifacético fundou Arraianos Producións Multimedia, marca coa que realizará e producirá unha morea de proxectos audiovisuais. Director, guionista e produtor executivo de “100% CEF,” unha biografía de Celso Emilio Ferreiro que acadou o Mestre Mateo ao mellor documental e “Looking for Bill Viola“, videocreación para un proxecto pedagóxico de achegamento á arte contemporánea a través da linguaxe audiovisual. Tamén realizou traballos de publicidade cos que obtivo varios premios e recoñecementos. Produtor de "Fronteiras de enerxía animal" ou "O tempo na luparia" entre outros moitos. O seu traballo máis recente é “Sísifo Confuso. Traballos e días de Francisco Leiro” longametraxe documental rodado entre Cambados, Madrid e Nova Iorque durante case tres anos. Director, guionista e produtor executivo de “Anacos de Vida” un novo formato audiovisual desenvolvido para a CRTVG. Asemade é o impulsor e director do Festival Internacional de Cine Rural de Galicia “Carlos Velo” e da "Feira internacional de cultura rural FICRural".
