Sinopse
Breixo é un mozo millenial que traballa arreo no campo a carón da súa avoa en Naraío. Tras anos namorado da súa veciña, unha mañá esperta coas forzas e as ganas de dicirlle todo o que sinte por ela, pero os seus plans vense truncados o recibir a noticia da famosa “fuxida de talentos” por parte dela para seguir formándose e estudando noutra cidade. Breixo é máis que unha historia de amor rural, Breixo é esperanza, inconformismo, poderío e maduración. Breixo representa a evolución e a loita polo que un realmente quere, sente e soña nun mundo onde os soños poden estar o alcance dun mesmo
Cociña da peza
Javier e o seu amigo e actor Kevin Lorenzo achegáronse a Chanfainalab convidados pola chanfaineira e veciña de Naraío Ángela Arnosa. Como experimentados creadores de webseries decatáronse axiña que a mellor opción para "cociñar" a súa peza era aproveitar os recursos que tiñan á súa disposición: "O feito de que Ánxela e Kevin fosen parella foi unha circunstancia decisiva para decidírnos a guionizar unha historia de amor ambientada nun entorno rural. Logo non fixemos máis que utilizar as marabillosas localizacións de San Sadurniño e aproveitar a presenza de actores e cineastas tanto locais como foráneos durante os dous días da Chanfaina para desenvolver unha comedia romántica nun contexto rural".
"Breixo" é unha peza de narración áxil e fresca que xoga cos códigos clásicos do xénero da comedia romántica e os actualiza con arrecendos ao xeito de Edgar Wright. Javier optimiza e xestiona intelixentemente o que ten a súa disposición durante a Chanfainalab: localizacións, actores e actrices, algúns de gran traxectoria como Melania Cruz ou Tito Asorey, mais tamén veciños e veciñas moi coñecidos do concello. A pesares da inevitable improvisación e o escaso tempo de gravación, o cineasta coruñés foi quen de artellar unha historia coral de amor e de humor con tintes cómicos e dramáticos. A peza terá un aderezo final na posprodución cunha montaxe rítmica e toques de estilo anime xaponés: ”Breixo nace como forma de reivindicar o que moitos millenials están a pasar e a vivir actualmente levado a un ámbito de “comedia romántica rural”. Traballos precarios, duros e diarios, onde a luz está sempre no amor e na esperanza dun futuro mellor, pero o medo e a conformidade pola situación fan que as forzas por saír fiquen debilitadas, e a propia loita quede estancada.." Así pois, desta volta reláxense e gocen con esta peza resultona e divertida; estamos diante da primeira comedia romántica da Chanfainalab e da historia de San Sadurniño.
Equipo
Galería
