Sinopse
Nena e Dina son dúas amigas xubiladas que gozan da vida á súa maneira
Cociña da peza
Suso e Andrés achegáronse á Chanfainalab sen unha idea definida sobre a que gravar a súa peza, o feito de vivir nunha pequena localidade e o seu contacto diario coa xente do rural, contaba ao seu favor. Durante a Chanfainalab presentaron o multipremiado "Dhogs" e Suso acreditou as súas dotes de actor en "Breixo" de Javier Seoane. As instalacións da Casa Outeiro serviranlle de inspiración: "A idea xurdiu do noso contacto coa xente maior do rural, que nos identifica moito e soubemos que en San Sadurniño é moi participativa; así que quixemos imaxinala en lugares onde non se acostuma a visualizar. A pista de tenis que había onde estabamos aloxados deunos o contrapunto e pareceunos boa idea, porque non hai ningún motivo para que a xente de calquera idade, especialmente a maior, que teña a sorte de poder permitirse gozar da vida e non o faga. Como así o fan Nena e Dina. Era unha forma de contribuír a romper eses tópicos. E visualizar un goce san, e que ninguén lle pida explicacións. Fano así, porque si, porque lles apetece."
"Nena:Dina" é unha peza do tándem creativo de Meira, que bebe no ronsel surreal e multicapa que emana na aclamada "Dhogs". As dúas protagonistas, Ángeles Rodríguez -a Nena de García- e Erundina Díaz son mulleres que loitaron dabondo ao longo da súa vida, mais están colocadas nun contexto que aparentemente non lle corresponde; a imaxe ten os arumes da irrealidade que impregna a pintura realista de Edward Hopper ou as piscinas de David Hockney. O relato das penurias da súa infancia contrasta visualmente coa cor luminosa da imaxe na cancha de tenis e a piscina, situando a peza entre a realidade e a ficción. Por outra banda podemos anotar a referencia a unha das primeiras canchas de tenis en Galicia (1902) de Natividad Quindós, VII marquesa de San Sadurniño; Nena e Dina vivindo como as marquesas: "Nas nosas cabezas pensábamos noutros temas que, por unhas ou por outras, non chegaron a porto. Tiñamos ideas máis achegadas á ficción, que non chegaron a fluír. Aquela piscina e aquela pista de tenis chamou por nós, chamou por Nena e por Erundina. Quixemos unha sensación de desfrute, por riba de atopar unha historia, foi buscar a sensación de estar ben, sen importar a idade." Unha curta elegante e singular, onde Andrés e Suso acreditan ter un universo propio, transformador da realidade máis inmediata, creadores de atmosferas visuais utilizando tan só materiais sinxelos que teñen diante dos ollos, mais dende un novo punto de vista que os modifica profundamente. Traballar con elementos case metafóricos para que cada espectador poida facer a súa propia interpretación do que está a ver na pantalla.
Equipo
Dirección
Galería
