Sinopse
Puri Lamas vive en Igrexafeita (San Sadurniño). O seu tempo transcorre na espera dunha chamada.
Cociña da peza
O experimentado e inquedo cineasta achegouse a San Sadurniño seguindo o ronsel dunha teima persoal: "Levaba tempo investigando sobre a relación de Galicia coa morte e sobre os oficios funerarios. Hai un ano estiven a piques de gravar unha longametraxe documental en Piñor (Ourense), un pobo que ten como principal economía a fabricación e venta de ataúdes. Fixen lecturas moi inspiradoras como "O enterrador" do poeta Thomas Lynch - a cita do prólogo ven de alí- ou "Da estación do amor ao diálogo coa morte" de Carmelo Lisón Tolosana. Así que pensei que podería tratar o mesmo tema en San Sadurniño. Dise xeito foi como coñecín a Puri Lamas Soto, que vive en Igrexafeita e traballa nunha funeraria de tradición familiar. Pretendín entrar no mundo de Puri discretamente, retratando de forma natural a súa cotidianidade. Compartir o punto de vista dunha persoa que vive agardando por unha chamada telefónica. A morte, como a maioría dos enigmas sen resolver, é imprevisible, igualmente pode xerar rexeitamento ou morbosidade. Ten ademais unha relación moi estreita co cine: “O cine filma a morte traballando”, escribía Jean Cocteau. Intentei conservar o misterio, pero mantendo o respecto e a distancia necesaria para retratar o mundo de Puri. O meu agradecemento máis grande, de feito, vai para ela. Puxo algunha regra, por exemplo nada de primeiros planos, e respectámolo. A película é só en aparencia, silenciosa. Hai un diálogo metafórico importante cos obxectos, os pequenos xestos e o espazo. Ademais o traballo de Amaro Rúa Lago foi meticuloso, todos os elementos sonoros, ata os máis imperceptibles, entran neste filme."
"A chamada" xira sobre o tempo de "espera", unha chamada pode ser telefónica, pero tamén ese derradeiro aviso que nos anuncia a fin do noso tempo vital. Simone adéntrase no mundo funerario sen que sexa o seu tema principal, senón máis ben o devalar do tempo e a incerteza de non saber cando se deterá. Os minutos pasan diante de nós sen artificios, na procura de pequenos xestos e rexistros de obxectos cotiáns. A fatalidade quixo que Simone tivera que gravar dúas veces a súa película, unha durante a fin de semana do Chanfaina e outra varias semanas despois, debido a un problema técnico que lle fixo perder todo o material gravado inicialmente.Así pois, dobre mérito para unha peza na que o proceso da rodaxe fusiónase coa propia experiencia vivida: ”Non hai enganos, como escribía Chéjov. O espectador sabe – case - todo dende o principio. Dende o primeiro encadre entende que Puri traballa nunha funeraria. Dende o título o espectador sabe que o filme vai sobre unha chamada. Non sabemos cando vai ocorrer. Pero tampouco é unha verdadeira sorpresa. Puri está afeita convivir con isto. Antes ou despois chegará. Quixen documentar e trasmitir esa mesma sensación de incerteza ao espectador. A nosa gravación pasou tamén por ese camiño, en equilibrio na corda frouxa. Como equilibristas, conscentes dos pasos que iamos gravar pero á vez sabíamos que, en calquera momento, podería chegar esa chamada impoñendo o seu definitivo final cut ao noso traballo." Así pois, vivamos o presente e agardemos con Puri e a cámara de Simone mentres gozamos destes cinco minutos intensos e fermosos de vida.
Equipo
Dirección
Galería
