Biografía
Simone Saibene naceu en Busto Arsizio (Italia), mais actualmente vive en Ourense. No 2003, licenciouse con matrícula de honra en Ciencias da Comunicación na Universidade IULM de Milán, coa tese “Para unha xeografía do cine. A rexionalización do cine español: o caso de Galicia”. Asistiu a cursos de teatro, música e fotografía. En 2006 gañou o Premio Artivisive San Fedele (Milán, Italia) coa curtametraxe experimental “Il furto della zucca“, gravado entre Suíza e Italia. Dende o 2006 ata o 2010 traballou como programador e redactor de publicacións na Fundación Cultural San Fedele de Milán. Docente e coordinador de ciclos de cine, xornalista, colabora con varios medios e institucións, entre outros, a revista de cine "Duellanti", o Instituto Cervantes de Milán, a Esap de Porto e o Campus de Ourense. Todos os venres conduce un programa de radio en Onda Cero Ourense dedicado ao cinema chamado Butaca Cero. Formou parte do xurado na VIII Mostra Internacional de Escolas de Cinema de Porto, no 17th Avanca Film Festival e no FICBUEU 2016, entre outros. Dende o 2010 vive en Ourense onde fundou a produtora e distribuidora Noveolas Producciones coa que leva realizadas varias obras, como “9 ondas” ,“Kuti Khanti” ou “Pelegrinaxes”(2017) longametraxe documental con varios premios e recoñecementos nacionais e internacionais. Ademais dos seus filmes distribuíu o documental “Frankenstein-04155” de Aitor Rei, e como produtor está a desenvolver o filme “10/7” de Xoel Méndez. Simone tamén é compositor musical e líder do grupo country grelos western “Os forasteiros”.
