Sinopse
Por dous días, veciños e veciñas de San Sadurniño, abriron as súas casas á miña cámara. Eu correspondín capturando o son da miña vida cotiá e xuntos construímos un novo espazo"
Cociña da peza
Olaia partía doutra idea para facer a súa peza da Chanfainalab, mais ao final tirou por desenvolver unha das teimas da súa traxectoria como cineasta: os espazos, a memoria e o devalar do tempo nas cousas; nesta ocasión gravando os interiores de diferentes fogares de San Sadurniño: "No Chanfainalab ábrensenos as portas dun lugar, dun espazo e dunha xente para que a través do noso traballo acheguémonos, aínda que sexa por unha fin de semana, en certa medida a súa realidade. Eu quería levar isto un pouco mais alá, entrando no máis íntimo territorio da veciñanza: a súa casa. Por iso gravei os interiores das casas daqueles que xenerosamente me deixaran entrar e entre todas construír un espazo común".
En principio, "Int/Casa" semella unha peza experimental máis que documental. Olaia Sendón coa colaboración do arquitecto Alberto Fortes, constrúe o seu relato a través de belísimos planos estáticos das estancias de varias vivendas de San Sadurniño. Os lugares e os obxectos cotiáns sucédense na cinta completamente baleiros, mais acompañados polos sons gravados pola cineasta en distintos momentos da súa propia vida diaria -moitos deles compartidos co seu bebé-. Imaxes e sons procedentes de fontes diversas cobran nova vida e constrúen unha nova visión dos espazos: "Despois de ver as imaxes obtidas nesa fin de semana de rodaxe dinme conta que pouco máis quedaban que nunha mera formalidade estética, unha composición fotográfica coidada nun bodegón carente de vida, en realidade faltaba a presenza do ser humano. Dubidei moito qué facer ao respecto e din cun diálogo que me gusta moito: sobre as vivendas de San Sadurniño expuxen a miña propia intimidade, a miña casa, os meus sons, para que xuntos construiramos un só lugar, habitado e vivo". Así pois, dispoñámonos a deixarnos levar por unha peza contemplativa, unha evocación do que nunca somos quen de ver cando paseamos polo "exterior" das casas. Mais de seguro que, no devalar do tempo, os obxectos cotiáns e as vivencias a eles asociadas que se amosan no filme –incluídas as da propia cineasta- acadarán a categoría clásica de memoria documental, de historia vivida nun tempo e nun lugar do mundo.
Equipo
Dirección
Equipo técnico
- Produción
- Ana B Gundin
Galería
