
Sinopse
Os xemelgos Rodeiro axudan á veciñanza na elección e transformación da casa dos seus soños. Parodia de “Property Brothers”
Cociña da peza
A Eloy picoulle o interese pola Chanfainalab o ano pasado. Dubidaba si sería capaz de participar e gravar algunha peza como estaba a facer a súa irmá Ángela Arnosa. De modo que, despois de darlle moitas voltas á varias ideas, durante o verán en Naraío optou por facer unha parodia dun programa que vía de cando en vez nas tardes de lecer: "A idea era facer unha adaptación (con certo estilo absurdo) do programa “Property Brothers” en San Sadurniño, para mostrar, con humor, cómo sería ese programa levado ao noso territorio". Así chegou a idear unha versión moi persoal de "A Casa Soñada" que é "simplemente unha parodia sobre os docu-realitys na que se mostra unha versión que non coincide para nada cos luxos e grandes obras que fan orixinalmente na TV. Así, tamén se da a entender que a maioría da xente non ten suficientes recursos e cartos como para comprar grandes casas nin unha capacidade tan grande de inversión e que ten que ir ao “barato”.
Así pois en "A casa soñada" debemos deixarnos atrapar polo sentido do humor que debulla o guión, arroupado polas hilarantes interpretacións de actores profesionais como Kevin Lorenzo, mais tamén por grandes interpretes locais -moi coñecidos polo público de Sansa- como Carmen Bouza ou Abel Vega e os "actores revelación" Martín Prieto e o mesmísimo Eloy Arnosa que debuta con total solvencia. Do mesmo xeito o novel director acadou a colaboración técnica de chanfaineiros veteranos como a adolescente Catalina Rodríguez (sonidista) e Ángela Arnosa (cámara e montaxe). Como ben afirma o propio director e guionista: " O obxectivo inicial, máis que ningún outro, era o entretemento. Tan só pasalo ben e gozar durante dez minutos desta peza, que amosa momentos divertidos, pero que tamén pode facer pensar sobre o inalcanzable que son a compra e reforma de casas na realidade, aínda que o vexamos de maneira cotiá.".
Pois diso se trata hoxe, de pasar un rato divertido ateigado de retranca e coa presenza de xente moi querida en Sansa e tamén no equipo de cociña da Chanfainalab. Felicitamos a Eloy polo seu debut no que apunta maneiras para que na Chanfaina do ano que ven siga a demostrarnos que a expresión audiovisual é -sobre todo- a vontade de contar sen complexo algún o que bule na cabeza d@ creador/a. Agardamos xa con impaciencia a súa peza da 7º chanfainalab.
Equipo
Galería
