Sinopse
Un inconvinte de última hora ameaza a subvención que Maruxa precisa para o seu taller. Pero esta mecánica non deixará que ningún impedimento se interpoña ante o seu negocio. Co apoio da súa amiga Cruz, está disposta a chegar ata onde faga falla
Cociña da peza
Kevin xogou en casa como actor en varias edicións da Chanfainalab con destacadas actuacións diante da cámara como ten demostrado dabondo en Un ninguén máis (2019) Curmáns (2020) ou Breixo (2018). Así que nesta edición tivo tempo dabondo para elaborar o seu segundo filme para a Chanfainalab: "Despois de ver a película "Fenómenas" de Carlos Therón, xurdiu a primeira idea mentres estaba en Lituania. Alí comecei a escribir un pequeno borrador. Apeteceume probar cun thriller paranormal, que involucrase a unhas mulleres nunha casa e uns espíritos. A idea foi evolucionando ao incluír intereses monetarios e un asasinato. Conforme o guión ía tomando forma, o thriller paranormal evolucionou a unha thriller-comedia. As situacións que implicaban sucesos paranormais cos espíritos deron pé a transformalos en situacións reais con certa comicidade. Por outra parte, aínda que o guión quedou preparado, durante a rodaxe xurdiron improvisacións que acabaron por incorporarse, como a intervención de Lucita (non vou destripar nada). De feito, un dos meus obxectivos á hora de facer a curta era pasar un anaco divertido con todas as persoas que colaboraron durante a rodaxe, e alégrame telo conseguido."
"O pano de seda" é unha thriller-comedia que acontece no rural coa única pretensión de entreter mantendo a intriga ata o final. O seu humor bebe tanto nas fontes do teatro popular galego como da comedia negra: "Ademais da película "Fenómenas" de Carlos Therón, tamén tivo influencia na peza o filme "Todos lo hacen" de Martín Cuervo. Aínda que se partiu dun guión completo, non se pechou a porta ás improvisacións que xurdiran durante a rodaxe e que aportaron novos matices á peza final. Foi un reto tentar non estenderse moito na duración da curtametraxe, máis o resultado mereceu o esforzo, ao obter unha peza con ritmo, dinámica e fácil de ver. Espero que vos deixe un bo sabor de boca." Un dos aspectos máis salientábeis desta peza é o dream team local que integra o reparto, co mellorciño da fabulosa canteira de actores e actrices que, edición tras edición, foron incorporándose ao Olimpo actoral de San Sadurniño. Que desfrutedes desta divertida comedia como gozou o público na gala da estrea na Casa da Cultura.
Equipo
Galería
