Sinopse
San Sadurniño é unha das míticas paradas da liña de vía estreita Ferrol-Xixón, inaugurada polo Xeneralísimo Franco no ano 1962. Cae a tardiña. A viaxe a Xixón dura case dez horas, pero Ángeles ten o pálpito que aínda vai chegar a cear coa súa nai. Unha curta sobre a relatividade do tempo e o espazo
Cociña da peza
Por ser asturiana resulta case natural que Ángeles Huerta procurase a inspiración na ligazón ferroviaria que comunicou tradicionalmente as terras de Galicia e Asturias, o vello tren de FEVE: "Cando recibín a invitación para participar na Chanfainalab, busquei algo que tivera que ver comigo a un nivel íntimo. Ao descubrir que practicamente todo o territorio de San Sadurniño estaba atravesado pola mítica liña de FEVE Ferrol-Xixón, tiven claro que eu tiña que estar dentro da pantalla. Sen embargo, confeso que estar diante da cámara é algo que me atrae e me repele a partes iguais, así que aquí a axuda dos meus cómplices foi fundamental. Sandra Sánchez foi a montadora da miña primeira longa, "Esquece Monelos", e Antón Núñez foi o co-guionista. Eu invitara a ambos a botar unha man na III Chanfaina Lab, e os dous me empuxaron alegremente a protagonizar a peza. Cómpre dicir que facer a longa fora unha viaxe moi intensa para os tres, e supoño que "Próxima estación, San Sadurniño" foi unha especie de terapia da risa logo dese esforzo. Polo demáis, dicir que a rodaxe foi laboriosa pero moi divertida, e que desfrutamos moitísimo da maneira na que a veciñanza (e o propio persoal da FEVE, aínda que na montaxe final non apareza) participou e axudou na gravación. Un dos reloxos é meu e os outros dous da filla de Sandra Sánchez. Ningún deles foi realmente maltratado durante a rodaxe desta curta."
"Próxima estación, San Sadurniño" é unha invitación á gargallada provocada polo humor absurdo e retranqueiro que sae a cachón polos límites do encadre. Gravada nunha única localización e fotografada pola tamén cineasta Sandra Sánchez (participante na 2º Chanfainalab), conta coa actuación estelar de coñecidas veciñas de Lamas, encantadas por participar nesta peza tan arroutada e divertida.
O filme xa fora definido o día da estrea polo creativo maxín da cineasta como ""a primeira curta cuántica do cinema galego". E de seguro que o mesmo Albert Einstein a miraría con interés, xa que o @ espectador/a ten que agudizar os sentidos ata toparlle o punto ao universo paralelo que semella agromar na estación F.C. de San Sadurniño: "Como peza cómica que é, espero que o espectador ría cando vexa esta curta. Tamén espero de corazón que os actores profesionais me perdoen polo meu atrevemento de me poñer diante da cámara. E por suposto, encantaríame que Sara chegue a saber algún día quen é Francisco Franco."
Así pois, nesta ocasión a Chanfainalab invítavos a un prato divertido, creativo e saboroso, aderezado con mimo e imaxinación por unha singular cineasta que nos transporta nunha viaxe a través do "buraco de verme", cara un espazo-tempo alternativo. Ao fin e ao cabo, un dos lemas de "Fálame de San Sadurniño" sempre foi "Un universo por descubrir" e algo do espírito dese universo especial está moi presente nas imaxes de "Próxima estación".
Equipo
Galería
