Ir ao contido principal
De aquí e de acolá

De aquí e de acolá

Historias de emigración de ida e volta

A emigración transforma vidas e paisaxes. Unha viaxe entre a ausencia e a pertenza.

Mbemba
Mbemba

A emigración deixa múltiples pegadas nas persoas e nos lugares. Está presente nas casas que quedan baleiras, nas lembranzas da infancia, na procura das raíces e na morriña de quen vive lonxe. Tamén nas historias de quen chega doutros lugares e atopa unha nova comunidade á que pertencer. Este ciclo reúne nove pezas que exploran partidas, retornos e encontros desde a memoria persoal e colectiva, abrindo unha ollada á transformación do territorio e das vidas que o habitan.  Esa diversidade é precisamente a forza da escolma: permite contar a migración non como un feito illado, senón como un movemento continuo de perdas, encontros e transformacións, tanto das persoas como dos lugares.

"Instantes dun retorno" (Giselle Llanio, 2015). Unha viaxe ás raíces na que emigración, memoria e identidade se cruzan nun encontro con persoas chegadas dende Montevideo. A procura dunha casa familiar en Ferreira convértese nunha aventura emocional polas historias de quen marchou e de quen mantén viva a lembranza. Un filme sobre os camiños de ida e volta e os vínculos que resisten a distancia. Porque ás veces regresar é tamén descubrir de onde vimos. Premio CREA á mellor curtametraxe documental 2017 concedido pola Asociación de directores e realizadores de Galicia

"A vida que houbo"  Francisco Cela, 2023). Nas casas abandonadas pola emigración, a natureza recupera devagar o espazo que un día foi fogar. Entre muros, obxectos e pegadas do pasado, a vida humana deixa paso a outras formas de vida. Unha mirada lírica sobre o baleiro que deixa a marcha e o paso implacable do tempo. O rural abandonado convértese nunha paisaxe de memoria e resistencia.

"Sentimentos" (Fran da Lobeira, 2015).A experiencia migratoria transfórmase nun pequeno mosaico de emocións e descubrimentos entre distintos lugares de Europa. A ollada persoal do cineasta percorre a incerteza, a tranquilidade e a morriña de quen vive lonxe da casa. Unha peza íntima que transforma o cotián nun espello dos sentimentos de quen marcha. Porque emigrar tamén é aprender a vivir entre dous lugares

"Materia prima" (Natalia Porca, 2015). Tres casas -unha habitada, outra abandonada e unha terceira soñada- debuxan unha viaxe entre o pasado, o presente e o futuro. A través da memoria da infancia, as paisaxes familiares confrontan os recordos coa transformación do territorio. Unha reflexión poética sobre as raíces e sobre aquilo que permanece en nós cando os lugares cambian. Porque a casa tamén é unha forma de memoria. Seleccionada no Festival S8 (Coruña 2016) e no Olloboi (Boiro 2016).

“Electra" (Teño unha horta, 2018). A historia dunha empresa eléctrica local permite recuperar unha parte esencial da memoria colectiva de San Sadurniño. O paso do candil á luz eléctrica evoca a transformación da vida cotiá e o esforzo de varias xeracións por manter a fábrica de luz. A empresa foi impulsada arredor de 1930 por unha familia que regresara da emigración en Cuba.  A película conecta ese legado coa realidade actual do rural, marcada tamén pola emigración e a despoboación.

"De pedra son os muros i as tebras" (Sofía Naseiro, 2022).  Unha antiga escola unitaria, construída por emigrantes en América, garda os ecos dunha infancia marcada pola represión e o medo. As voces, os libros e os espazos abandonados recuperan a memoria dun tempo que non debe esquecerse. O filme percorre a distancia entre o pasado escuro e un presente no que a natureza volve habitar o lugar. Unha reflexión sobre a memoria, o abandono e as pegadas que deixan as persoas que marchan.

"E ti de quen ves sendo?"(Sabela Íñiguez e Ary López, 2015). Quen chega de fóra tamén forma parte da historia dun lugar. A través das voces de persoas chegadas doutros lugares do mundo e viven en San Sadurniño, a película cuestiona os prexuízos e explora novas formas de pertenza. As súas experiencias revelan que, máis alá das orixes, hai vidas e preocupacións compartidas. Unha defensa da convivencia e dunha comunidade aberta a quen decide vivir entre nós. Unha mensaxe oportuna e necesaria ante a intolerancia cara o "outro" de triste actualidade.

"Mbemba en Sansa" (Luís Avilés, 2019).  Mbemba cruzou o valado de Ceuta e atopou en San Sadurniño un lugar onde comezar unha nova vida. A través da súa historia, o filme achéganos á experiencia da inmigración desde unha mirada humana e próxima. A historia de Mbemba achéganos á experiencia da inmigración e móstranos como quen chega de fóra pode converterse nun veciño máis e parte da comunidade. Unha peza que reivindica a acollida, a dignidade e o valor de coñecer o outro.

"A miña outra nai" (Fon Cortizo, 2024). A memoria da emigración aflora nunha viaxe íntima que conecta a infancia, os afectos e a procura dunha figura materna. Entre a lembranza e a correspondencia, o filme evoca unha historia de ida e volta que atravesa o tempo, entre París e Lamas. Unha peza minimalista e delicada sobre as pegadas emocionais que deixa a separación. Porque ás veces a emigración tamén se escribe desde quen queda e desde os vínculos que perduran no corazón.

 A duración do programa é 70 minutos. Podes descubrir máis pezas na Filmoteca do Chanfaina Lab na etiqueta Emigración.


Películas do ciclo

9 películas