Sinopse
Entrando nunha antiga escola unitaria abandonada, escoitamos os ecos dun pasado de represión e medo. Volvendo ao presente, só fican sombras como as pantasmas dun tempo ao que non queremos retornar
Cociña da peza
Sofía chegou a San Sadurniño aguilloando os seus ollos de documentalista na procura de mámoas, ermidas e relatos de vida, mitoloxía e morte. Porén, "ao escoitar á veciñanza de San Sadurniño falar das antigas escolas unitarias que aínda ficaban en pé, agromou unha idea nova que rematou por tomar forma mentres exploraba a escola de Leiriña , en Ferreira: a de habitar un espazo a través do son. E quen (ou que) habita naquela vella escola? No proceso de recollida do audio que finalmente se utilizou, atopei a represión e o sometemento nos testemuños de xente que lembraba a educación do franquismo e nos vellos libros escolares inzados de propaganda. Atopei as mesmas tebras que poboan o texto de Celso Emilio Ferreiro, "Longa noite de pedra", .que da título á peza- e así o quixen transmitir a través da montaxe, poñendo o acento na edición sonora".
"De pedra son os muros i as tebras" é unha rotunda reivindicación da memoria colectiva a través do ronsel da infancia na escola:"O resultado articúlase en dúas partes ben diferenciadas de maneira visual e auditiva. Cada plano é unha idea diferenciada. A través das voces das crianzas retornamos ao pasado, en branco e negro, con planos en movemento. É a escola como ferramenta de represión e adoutrinamento. Cando pechamos os ollos e os volvemos a abrir, atopamos a escola queda, bañada soamente pola luz da tarde e polas cores e os sons da natureza. Estamos no presente, e xa non hai nada que temer. Só fican as sombras". A peza da cineasta chairega quere ser lida como unha reflexión sobre o paso do tempo, sen caer na nostalxia, e sobre a memoria dun tempo que compre non esquecer.
Equipo
Dirección
Música
Sofía Naseiro
Galería
