
Pezas que recollen a esencia da parroquia

Lamas é unha parroquia de San Sadurniño cunha paisaxe rural de suaves outeiros, terras de cultivo e masas forestais. Baixo a advocación de San Xiao, conserva como referente patrimonial a súa igrexa parroquial, acompañada dunha antiga fonte e dun cruceiro. Na súa contorna sitúanse importantes vestixios da cultura castrexa, como os castros das Croas, Riboira e Croa do Redo. Un territorio onde a historia máis antiga, a tradición e a vida rural conforman unha paisaxe de identidade propia.
O Chanfaina Itinerante fará parada en Lamas o venres 7 de agosto de 2026 cunha nova sesión de cinema, organizada en colaboración coa Asociación Veciñal «Xuntanza de Lamas». A cita será ás 20:30 horas no local social. Durante a sesión proxectarase unha selección de curtas realizadas en distintas edicións do Chanfaina Lab, todas elas filmadas en Lamas ou relacionadas coa súa veciñanza. O programa terá unha duración aproximada de 65 minutos e permitirá redescubrir, a través das olladas dos e das cineastas, espazos, historias e persoas que forman parte da identidade da parroquia.
A xornada completarase cun petisco ofrecido pola Asociación Veciñal «Xuntanza de Lamas» ás persoas asistentes, unha oportunidade para compartir impresións e conversar arredor das historias filmadas na parroquia.












