Sinopse
O ronsel da memoria do Teleclube de Riboira.
Cociña da peza
Por terceira vez o cineasta, crítico e historiador Xurxo Chirro volve a sorprendernos cunha nova entrega para a Chanfaina'lab, despois de "Ao Patadón" e "Cartas de Conquista". Nesta ocasión, o filme "Teleclube" resposta a unha petición expresa da organización da Chanfaina'lab para que realizase unha peza na parroquia de Lamas. Xurxo, afeito a todo tipo de imprevistos e traballar con medios limitados, tirou dun dos fíos cos que tece moitos dos seus filmes: os espazos da memoria social analizados dende o presente, como fixo por exemplo na magnífica "36/75" gravada nos espazos da sublevación militar e represión no seu pobo, A Guarda. Xurxo escolleu o histórico teleclube de Lamas para reflectir a evolución dese edificio, dende a flamante inauguración ata a o abandono no que vive hoxe. Un espazo que reflicte tamén a evolución do lecer de boa parte da sociedade galega durante os últimos cincuenta anos. "Como era unha encarga e non coñecía ben o lugar, deixeime dominar polo propio espazo e xoguei coa elipse e o material de arquivo dispoñible -basicamente fotografías e audios- e pequenos fragmentos que contasen a evolución da TV ata o fin do teleclube coa "neve", que é a abstracción total" .
"Teleclube" pretende ser unha invitación á lembranza, á evocación case nostálxica deste espazo de socialización que de igual xeito que o seu irmán, o teleclube de San sadurniño, tiveron unha gran incidencia na memoria colectiva de moitos veciños e veciñas de San Sadurniño.
Equipo
Dirección
Galería
