
Sinopse
"Tempo" tenta relatar o proceso do devalar da vida humana a través de imaxes e sons. "Relato vial" trata de concienciar sobre a importancia da seguridade vial, ademais de sacar un sorriso. O protagonista -un Stop da parroquia de Lamas- busca que a xente lle faga caso, sen gran éxito. Os seus amigos búrlanse del, pero ó final é capaz de conseguir o seu obxectivo"
Cociña da peza
Noelia Uceira e Fabián Ameneiros (veciño de Neda) participaban por vez primeira na Chanfainalab. Asistiron a todas as actividades e obradoiros, mais achegáronse a San Sadurniño sen unha idea moi definida. O proceso levounos a gravar dúas pezas en lugar dunha, facendo seu o estilo de exploración libre que preconiza a Chanfainalab: “Dende o comezo só sabíamos que queríamos facer unha peza con obxectos inanimados, mais non sabíamos cómo enfocala. Despois de darlle varias voltas, decidimos escoller un Stop, xa que démonos conta que moita xente non respecta os sinais ou semáforos de tráfico. Nese momento só nos faltaba elaborar un pouco a historia, polo que pensamos darlle personalidade ó Stop. Primeiro este ía ser un chulo, logo era moi tristón… e así ata chegar ó que é actualmente, un sinal con ganas de axudar. A partir de aquí quedábanos facer o guión, pero comeunos o tempo e decidimos crear a historia despois de gravar. E así o fixemos. Gravamos todos os planos recurso que puidemos e na montaxe rematamos o relato. No caso de "Tempo", a idea foi totalmente improvisada. Non íamos facer esta curta, pero despois de pasar pola igrexa de Lamas, chegounos á idea de súpeto e comezamos a gravar. A idea orixinal era utilizar cada hora para unha etapa diferente da vida, pero non tivemos o tempo suficiente para gravar o son das campás en cada hora, polo que omitimos esa parte. Procura reflexionar sobre a nosa propia vida e o rápido que pasa, para así poder aproveitala o máximo posible.Para conseguilo, decidimos usar imaxes que lembrasen ás diferentes etapas, e cómo se viven. Por ese motivo, os planos da infancia son máis longos que os demais. Así, a curta aos poucos vai pasando máis rápido e menos saturada, ata converterse en sepia na etapa final".
A humorística “Relato vial” e a máis conceptual “Tempo” son dúas pequenas pezas que xorden da procura realizada na fin de semana no Chanfainabab. Ambas foron construídas sobre a marcha, de xeito directo e sinxelo, case como un haiku, co obxectivo de que cada espectador/a encontre o seu propio punto de conexión: "A curtas realmente buscan chegar ao máis interno de cada un, pero tamén queríamos chegar a todo tipo de público.. Hai que velas e deixarse levar; nada mais." Esta é a primeira vez que veciñas e veciños de concellos limítrofes (Valdoviño ou Neda) asisten como cineastas á Chanfainalab. Todos os anos, cineastas locais e foráneos aportan a súa mirada persoal sobre San Sadurniño, mais case nunca puidemos contar co punto de vista de creadores dos concellos do redor.
Equipo
Dirección
Galería
