Xente bonita #1: Pepe das Flores, Toni Colombo e Mar Catarina
V Chanfaina Lab2018
- Duración
- Localización
- Lamas
Sinopse
En imaxe, Xente bonita #1: Pepe das Flores, Toni Colombo e Mar Catarina son tres retratos filmados das persoas do título. No son, son fragmentos de varias conversas con eles arredor da relación entre as paixóns e o traballo
Cociña da peza
Cibrán non tiña unha idea preconcibida do que ía gravar na Chanfainalab, á que chegou acompañado por bos amigos cos que percorreu o territorio de San Sadurniño axudándose uns aos outros coas súas curtas: “Entre os meus amigos e amigas hai moita xente creativa: xente que fai música, xente que escribe, xente que debuxa, xente que fai cinema ou fotografía... ao mesmo tempo, hai moita xente no paro, ou nun traballo precario (sexa no ámbito cultural ou noutro), ou emigrada. Tiña ganas de facer algo no que poder falar disto e recoller as frustracións deste momento nas nosas vidas no que debíamos saber xa que é o que imos ser de maiores (porque xa somos maiores), e no que o contexto parece empuxarnos a renunciar ás paixóns. Ao mesmo tempo, tampouco quería ir á Chanfaina a facer algo que puidese facer noutro sitio: quería ter un vínculo real co lugar. Explorando a web de Fálame de San Sadurniño atopei unha foto fantástica da Orquesta Alegría de Lamas, cun audio no que Pepe dicía unha cousa que me chamou moito a atención, porque describía a música como unha experiencia negativa: "A música en principio era un medio de vida (...) pero logo a música non daba como un oficio, e a xente que se dedicou a estudar a música encontrouse alí aos 30 ou 40 anos con que nin música nin oficio". Pareceume interesante poñer a súa perspectiva ao lado da nosa, aproveitando que Toni viña comigo facer a peza e que Mar viña facer a súa, que ademais acabamos protagonizando non sei moi ben como. Quedei moi contento porque aprendín, porque me divertín, e porque teño a sensación de que a identidade deles tres, e a miña, está presente dunha forma sincera na película. Non quedei tan contento pola nosa propia torpeza á hora de gravar o son, pero bueno, vai con subtítulos para que se entenda todo.”
"Xente bonita #1" afonda na vida que temos e na que desexamos, tocando temas moi contemporáneos, coma o traballo, a realización persoal ou a necesidade de estabilidade laboral: "Cando estaba rematando a montaxe da película, morreu Jonas Mekas. Internet inundouse de frases xeniais súas e puxen unha que me fixo moita gracia ao principio da película: "A tomar polo cú a carreira!". Púxena como unha forma de tomar partido pola paixón (pola arte, pola vida) fronte ao inhumano do mercado e do traballo (iso mesmo é o que fai tamén a canción de "Lamprea Explosiva" que dá título á peza e que a pecha). Pero tamén porque unha parte do que me interesa facer vai na súa liña de traballar coa propia vida, cos amigos e amigas, de maneira que a peza sexa tamén unha especie de película doméstica que me apeteza ver nuns anos como quen mira unha foto (de feito, a idea é que sexa a primeira peza dunha serie traballando cun método parecido), e que transmita unha certa intimidade. En paralelo a iso, quería facer xusto o oposto ao que Toni e máis eu fixeramos coa cámara noutra película anterior, Entrar aos Vilares. Alí vagabamos coa mirada en todas direccións, e aquí opoñémonos a nós mesmos coa idea de situar as persoas diante da cámara e miralas durante moito rato, como se a través desa paciencia se puidese rascar algo máis de quen son. Só sabía que quería gravar a Toni co seu coche porque me parece precisamente unha especie de extensión da súa personalidade. Con Pepe aproveitamos para ubicalo co acordeón entre as flores, recollendo as dúas cousas ás que se dedicou. Co caso de Mar, vina moi abstraída gravándonos e quixen recoller ese momento, coa cámara do móbil (porque era a que tiña a man). Gústame tamén que haxa un certo equilibrio entre poñer en escena cousas e deixar que sucedan, entre buscalas e atopalas. O resultado final supoño que é unha cousa un pouco rara: na imaxe é bastante austera, con só tres ou catro planos, pero no son ten moitísimos cortes e falamos todo o rato. Hai algún detalle gracioso, bastante divagación, algo de aburrimento, algo de política, algo de xogo... parécese á vida dalgunha maneira, supoño." Aínda que a peza de Cibrán enténdese autonomamente, e moi recomendábel vela con “Nimbo” dos seus colegas Mar Catarina e Rubén Domínguez; ambas conforman algo similar a un díptico, ou mellor aínda, como se fosen dous espellos enfrontados que transpiran autenticidade e vida.
Equipo
Galería
