Sinopse
Dous amigos, Cibrán e Toni, viaxan pola contorna galega nun vello Kadett mentres escoitan cintas de casete no coche. O seu errar lévaos a diferentes lugares da contorna de San Sadurniño e coma se de dous cativos se tratase, exploran e xogan nos espazos mentres o tempo se sucede
Cociña da peza
Mar Catarina e Rubén Domínguez achegáronse a San Sadurniño cos seus amigos -tamén chanfaineiros- Cibrán Tenreiro e Toni Colombo. Percorreron xuntos varias parroquias do concello axudándose uns aos outros coas súas curtas. A colaboración foi tal que a peza de Cibrán, titulada“Xente bonita #1” e a de Mar teñen sentido por separado, pero tamén poden verse como un díptico ou mellor aínda, como dous espellos enfrontados de experiencias compartidas: "Cando chegamos tiñamos un coñecemento moi vago deste Concello no que traballariamos durante dous días sen descanso, mais estábamos moi ilusionados porque iamos uns cantos amigos: Cibrán, Toni, Rubén e eu e traballar xuntos sempre é un pracer. Os días previos á chegada, escribín algunhas vagas ideas do que me gustaría facer pero percibía certas limitacións. A miña premisa inicial partía dunha pequena sinfonía da paisaxe, acompañada cun recital e a presenza dun demiúrgo. Naquela época estaba lendo con atención algúns textos de Simone Weil e a súa influencia era moi forte en min. Dalgún xeito iso acabaría reflectido no traballo. Ao chegar a San Sadurniño, preferimos estar abertos ao que ía xurdindo e eu nunca quixen pechar o guión porque non o consideraba preciso, xa que tiñamos suficiente confianza como para prescindir del e que as cousas foran fluíndo por si mesmas. Inicialmente, Rubén ia ser a personaxe principal mais os días foron impoñéndose e cada vez tiña máis material recollido de Cibrán, Toni e o Kadett, fragmentos dos nosos días en San Sadurniño. Percibín que a historia estaba acontecendo con eles e, sen dicirllo, convertinos en protagonistas. Toni ten unha relación moi especial co seu coche. Pasa moitas horas nel e cando unha das pezas deixa de funcionar cámbiaas con mimo. Xa saían no videoclip que fixen de "Papá borracho" para Ataque Escampe. Cibrán é o mellor cómplice. Tanto para Toni coma para min. Para min porque case sempre accede aos meus desvaríos. Iso fai que sexa moi fácil experimentar con el. E para Toni, entre outras razóns, porque lle subministra música en casete para escoitar no coche."
En "Nimbo" están presentes algunhas das teimas da -aínda moi nova- directora pontevedresa: "Intento facer unha procura íntima e case autobiográfica daquilo que me conmove e provoca beleza. Procuro a simplicidade e o orgánico das cousas e persoas coas que traballo co fin de acadar a pureza ou verdade delas propias". Catarina establece unha celebración da vida, do descubrimento do descoñecido, unha película de amigos, que fala da amizade, da exploración do territorio, de descubrir o que te rodea de forma infantil e inocente, co contrapunto dos textos da gran filósofa francesa Simone Weil "cantados" ao xeito de rap; mais sobre todo, é unha peza substancialmente libre: "Unha celebración da amizade chea de luz e música. Retrato de nós mesmos, ceibes e curiosos, nas terras de San Sadurniño". Así pois, ista é unha viaxe moi especial, porque a acción transcorre en localizacións coñecidas, mais o vello Kadet de Toni e Cibrán amósanos imaxes e situacións que agroman directamente dos ollos e do corazón da cineasta Mar Catarina. Aínda que a curta enténdese autonomamente, é moi recomendábel vela con “Xente bonita #1” do seu amigo Cibrán Tenreiro; ambas conforman visións expandidas e complementarias da mesma realidade, transpirando autenticidade e vida.
Equipo
Galería
