Ir ao contido principal

Soli, soli

Eloi Domínguez Serén

III Chanfaina Lab2016

Unha folla no Xuvia convértese en memoria en movemento, onde o cinema e a vida dialogan ao ritmo do tempo.

Duración
Localización
San Sadurniño

Sinopse

Un deambular polas beiras do río Xuvia na procura de espazos furtivos, de intimidade e confidencia, nos que o amor nace, crece e morre." Con diálogos de "Le notti bianchi" (Luchino Visconti, 1957), "L'aventura" (Michelangelo Antonioni, 1960) e "La notte", (Michelangelo Antonioni, 1961).

Cociña da peza

Os filmes de Eloy móvense, sobre todo, arredor do denominado "cinema do eu", un cine de non ficción no que, a partires da observación do entorno inmediato -sempre aberto ao agromar do inesperado-, reflexiona sobre o "eu" mediante o diálogo con elementos cotiáns: a paisaxe, o traballo, a fala, mesmo os sentimentos persoais do cineasta, enxertándose emocionalmente e fusionando a propia vida co material que filma. Eloy achegouse a San Sadurniño con pouco tempo, pois só dispuña dun día escaso para gravar. Mais nas beiras do río Xuvia non tardou en dar coa "alma" da súa peza: " A idea concreta de 'Soli, Soli' naceu durante un paseo matinal pola beiras do río Xuvia. O azar e a fortuna fixeron que topara de súpeto coa folla danzante que se ve na última escena da peza. Aquela folla, folieira e infatigábel, fíxome lembrar outra moi semellante que achara varios outonos atrás nun bosque de Suecia, en circunstancias moi diversas, e que filmara para a miña película 'No cow on the ice'. Naquel tempo, aquela outra folla, agonizante, simbolizara para min a fugaz transición entre o curto verán e o longo inverno escandinavo; unhas últimas rabexadas de vitalidade, talvez unha sacudida rebelde, ante a inminente chegada do frío e a escuridade. Mais a folla que atopei na beira do Xuvia, polo contrario, celebraba con ritmo harmónico e elegante un verán estirado que se resistía a ser reemprazado polo manto outonal. O movemento circular, acorde e insistente daquela folla danzante activou na miña imaxinación os primeiros acordes e os primeiros versos dunha das miñas cancións italianas favoritas: “tu mi fai girar / tu mi fai girar / come fossi una bambola”. Con esta escena en mente, comecei un deambular pola beira do río na procura de espazos furtivos, de intimidade e confidencia, nos que o amor nace, crece e finalmente morre, antes de transformarse e rexurdir, como as augas do Xuvia, nalgún outro lugar."
En "Soli soli" a folla danzante do río tamén será a espoleta que active as lembranzas do cineasta na súa estadía en Milán, cando era un estudante de vinte anos e onde abriu os ollos á cultura italiana e ao seu cine mediante sesións maratonianas coas pezas claves dos seus grandes referentes: Rossellini, Antonioni, Visconti ou Fellini: "Foi aquel un valioso e intenso proceso de aprendizaxe paralela do idioma, da historia do cinema deste país e (como estudante) da propia linguaxe cinematográfica. Case unha década despois, revisito o traballo daqueles mestres que tan fonda pegada deixaron na miña experiencia e memoria cinéfila. Aos meus vinte anos, aquelas visións enardecidas, tráxicas e letais das relacións amorosas estableceron para sempre na miña imaxinación un vínculo fondo e perdurábel do cinema italiano co amor e coa morte, así como cun senso particularmente dramático da vida." Así pois, a próxima vez que paseen polas beiras do Xuvia, teñan na cabeza este filme, activen a imaxinación e déixense levar por esta deliciosa e suxestiva viaxe italiana polo "devalar do amor" e ilustrada polas augas do fermoso río de San Sadurniño. "Soli, soli", por dereito propio e o talento de Eloy, xa forma parte do patrimonio inmaterial das terras do Xuvia.

Equipo

Dirección

Música

Con diálogos de "Le notti bianchi" (Luchino Visconti, 1957), "L'aventura" (Michelangelo Antonioni, 1960) e "La notte", (Michelangelo Antonioni, 1961).

Galería

Soli soli