Sinopse
Unha adolescente conta a historia e o presente das escolas indianas de Ferreira a través das lembranzas dos seus avós
Cociña da peza
Noemi decidiuse a participar na Chanfaina sobre todo pola súa vinculación emocional con Ferreira, a terra dos seus avós maternos: ""A través do tempo" non é a peza que nun principio quería que fose. Cando comecei a traballar nela, ía ter unha estrutura e historia moi distinta, pois o que en verdade quería, era explicar a historia dunha parella e dúas familias de Ferreira do século XX. Sen embargo, no canto diso, rematei mostrando a historia das Escolas dos indianos e de cómo os nenos xogaban e vivían no tempo dos meus avós. A miña avoa relatoume decenas de historias de cando era unha nena, mais tiven que coller tan só un par delas, e con iso, editar a curta tal e como pode ver agora. O meu avó, pola súa parte, informoume do que lle sucedera á escola de abaixo (Seara). Tiven moita sorte, pois aínda que a escola da Seara agora é un centro de actividades do concello, a escola de Leiriña seguía nunhas condicións insospeitablemente boas para o tempo que lle pasara por enriba. Son consciente de que non teño o mellor son, nin as mellores imaxes, pero iso non creo que sexa o importante. Para min, o importante é a historia, o relato do tempo pasaxeiro narrado por dúas persoas tan divertidas e interesantes, Luís Fernández e Isabel Caaveiro, os meus avós maternos. Por iso, aínda que a peza teña algúns problemas, para min é das miñas favoritas porque está feita dende o corazón".
"A través do tempo" xoga coas testemuñas en primeira persoa para rexistrar o devalar do tempo vivido por dous avós e a súa neta. Adivíñase o tempo feliz compartido entre eles, polos ollos amorosos de Isabel cando mira á súa neta coa cámara: "Para min os meus avós son parte importante da miña vida e quería ter unha lembranza deles mentres compartían unha actividade comigo e recordaban os seus anos de cativos. Ese valor emocional é para min o máis importante, transmitir as vivencias doutras persoas que viviron antes que nós" . Un documental emocional que afonda na raizame familiar en espazos vividos e hoxe case abandonados. Narrado por seres que son coma cápsulas do tempo e que nos permiten entender mellor o presente
Equipo
Dirección
Galería
