Ir ao contido principal

Sinopse

Ikigai: A felicidade de estar sempre ocupado. Un motivo para levantarse pola mañá

Cociña da peza

Manolo Gómez achegouse a San Sadurniño seguindo o fío da teima que ocupa agora o seu devalar: a vida tras da xubilación, promovendo numerosas actividades dende a dinámica asociación que preside "De Maior Crea". De Maior Crea é un proxecto innovador -como todos os que argalla Manolo e codirixe con Domingo Díaz- e que ten como obxectivo desenvolver a creatividade e fomentar a realización de contidos propios por parte de persoas maiores de 55 anos. Despois dun tempiño de procura, topou aos "seus" protagonistas xubilados: "O meu obxectivo era facer unha curtametraxe sobre os xubilados de San Sadurniño e reflectir o seu día a día. Tardamos un pouco en localizar a un grupiño xeitoso. O punto de partida era facer algo diferente, que me dese incentivos para crear narracións con imaxes reais (pinto e fago películas de animación). A idea inicial era moi sinxela: convocar un grupo de xubilados e coñecer como pasaban o tempo. A partir de aí xurdiron varias opcións como o centro de recuperación de froiteiras autóctonas, un documental sobre Abel Vega -de albanel a cineasta ou sobre Alfonso Tellado, extraballador de Bazán. Finalmente, gravei secuencias de todas as opcións, aínda que as alternativas requirirían moito máis de cinco minutos, o que non as facía viábeis. De xeito que comecei amosando o meu propio punto de vista para completar a identidade, xa como persoa maior. Mesturei logo esas imaxes propias coas vivencias do grupo de xubilados e o seu propósito para esa nova etapa da súa vida".
"O Ikigai en Sansa" pivota sobre o "Ikigai", un concepto xaponés que describe a felicidade, aquelo que fai que a vida pague a pena de ser vivida. Todas as persoas teñen o seu ikigai. Pero hai que buscar esa fonte do valor da vida propia en calquera etapa e na medida que veñan os anos, manterse sempre ocupado, sen importar a idade ou condición: "Interésame subliñar que a vida despois da xubilación pode ser un período longo, no que é necesario manterse activo tanto física como mentalmente, se quere vivilo con calidade de vida. O concepto básico sería o de envellecemento creativo, porque fomenta a autoestima persoal, favorecendo a igualdade e a diversidade ao tempo que combate o edadismo. En definitiva, convirte en protagonistas ás persoas participantes, que descobren facetas de sí mesmos que non coñecían". Dende a organización da Chanfainalab sentímonos orgullosos de partillar e acoller mensaxes que tamén vivimos no noso devalar cotián: dándolle voz a quen normalmente non a ten e promovendo a calidade de vida das persoas maiores a través da creación audiovisual.

Equipo

Dirección

Reparto

Música

Fado de Titania “ BSO do filme “Soño de unha Noite de San Xoan” composta por Artur Guimaraes. Solista Anabela Marcos

Tamén participaron

Son: Cristina González Bustos. Colaboración: Asociación DeMaiorCrea-Producions-2024 Reparto: Pilar Pouso, Alfonso Tellado , Antonio Comba, Dolores Roca, Mercedes Roca Imaxes: traballos en acrílico e infografías de Manolo Gómez

Galería

Ikigai 1