Biografía
Manolo Gómez é un dos profesionais máis relevantes da historia do audiovisual galego. Creador do estudio de animación Dygra Films en 1987, desenvolveu proxectos pioneiros no ámbito das novas tecnoloxías, a innovación tecnolóxica e os videoxogos, ata producir e codirixir con Ángel de la Cruz a primeira película europea en 3D “O bosque animado” (2001), estreada en 70 países e gañador de dous Goyas e máis de 20 premios internacionais, seguida por "O soño dunha noite de San Xoán” (Ángel de la Cruz/Manolo Gómez, 2005), gañador dun Goya; “Espírito do bosque” (David Rubín/Juan Carlos Pena, 2008) e “Holly night!” (Juan Galiñanes, 2014). Manolo Gómez defínese a si mesmo como “pastor de imaxes, animador de futuros alternativos e un pouco cineasta”.
