Sinopse
Sucesión de momentos cotiás, protagonizados por mulleres da parroquia de Santa Mariña do Monte e ordenados segundo a súa idade. Comezando por Celia, a máis pequena da parroquia por aquelas datas, e rematando por Balbina, a máis lonxeva con 99 anos
Cociña da peza
Irene coñecía ben o proceso da Chanfainalab pois xa colaborara en 2016 na curta "Pois iso, que te quero" de Beatriz del Monte, mais nunca asumira o reto de participar como cineasta ata esta edición: " Esta é a miña primeira participación no Chanfaina, e tamén a miña primeira curta como tal. E é por iso que quería facer algo que me fixese saír da comodidade e do intimismo, permitíndome amosar sucintamente as miñas inquedanzas como muller, e se cadra, futura pedagoga. Deille moitas voltas para topar o tema e descartei moitas ideas que non acababan de convencerme porque eran demasiado intimistas e ademais, eu pretendía que na peza participase parte da veciñanza da miña parroquia. Fixen unha listaxe de persoas de Santa Mariña coas que podería colaborar e todas elas eran mulleres. Á dúas semanas da data de entrega, durante unha conversa á hora do xantar, xurdiu o que sería o borrador desta curta: gravar a todas elas facendo actividades "propias da muller", o que me permitía tamén facer unha lectura crítica do patriarcado."
"Dereito a sermos vellas" é un documental que pon diante da cámara esceas da vida cotián de quince veciñas de Santa Mariña, desde as máis novas ata as case centenarias. Mulleres que non son actrices, sino modelos tomados da vida real. Un pouco á maneira do cinema-verdade de Jean Rouch, a cámara de Irene amosa as rutinas do seu día a día, sen ningunha narración manifesta: as mulleres se representan a si mesmas en situacións cotiáns, mais baixo da aparente improvisación e desconexión de planos e situacións, agroma a vontade autoral da cineasta, reivindicando á muller, mesmo para lembrarnos que a sociedade se sostén en feminino:"quixen amosar que o poder e a influencia do patriarcado tamén se reflicte nas pequenas accións do día a día, impoñendo roles de conduta e clasificando certas labores como propias da muller. Reivindicar como mulleres o noso dereito á vida, tamén é reivindicar unha morte digna. Temos dereito a sermos vellas. Pois se algo nos ten que matar, que sexa o tempo, non os homes." En definitiva unha peza delicada e madura, construída en clave feminina e feminista, que non se sitúa ao marxe das personaxes que filma, nin establece distancia crítica co rexistrado. A cineasta de Santa Mariña do Monte comparte con elas a vida dentro e fora do filme, ofrecéndonos un espazo de experiencias e reflexións ao tempo; "Dereito a sermos vellas" acredita a Irene como unha cineasta emerxente e moito potencial da que agardamos que siga a desenvolver a súa mirada propia nas vindeiras edicións da Chanfainalab.
Equipo
Dirección
Galería
