Lucía Iglesias impartirá un obradoiro de montaxe audiovisual no XI Chanfaina Lab
A actividade, aberta á veciñanza e de balde, celebrarase o 30 de outubro en San Sadurniño e permitirá descubrir como se constrúe unha historia a través da montaxe cinematográfica.

Tras as rodaxes de setembro, o XI Chanfaina Lab continúa a súa actividade co obradoirode montaxe “Hoxe móntase! Contando historias plano a plano” impartido por Lucía Iglesias.
O segundo dos obradoiros desta edición estará dedicado á montaxe e celebrarase o venres 30 de outubro, de 16:00 a 20:00 horas. A sesión permitirá coñecer o proceso de construción dunha peza audiovisual e explorar como a selección, a orde e a duración dos planos inflúen na maneira de contar unha historia.
As persoas participantes no Chanfaina Lab terán ocasión de empregar as imaxes gravadas na fin de semana de rodaxes durante a parte práctica do obradoiro. O resto do alumnado disporá de material audiovisual facilitado pola formadora para realizar os exercicios.
A encargada de conducir esta experiencia será Lucía Iglesias, montadora e realizadora cunha ampla traxectoria no audiovisual galego. Licenciada en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual. Formou parte dos equipos de edición de proxectos como Eroski-Paraíso, Hierro ou Rapa. O seu traballo na montaxe foi recoñecido con tres premios Mestre Mateo, o último deles pola película Antes de nós.
Iglesias compaxina a montaxe coa realización de informativos e programas na Televisión de Galicia e coa súa actividade como formadora, entre outros espazos, no Festival Audiovisual Escolar Olloboi.
A actividade é libre e gratuíta, pero será necesario realizar inscrición previa e as prazas cubriranse por orde de inscrición. Nestes momentos xa hai bastantes prazas cubertas, polo que é recomentable inscibirse canto antes. Para anotarse, as persoas interesadas deberán chamar aos teléfonos 680389054 / 636909666.
O XI Chanfaina Lab está organizado polo Concello de San Sadurniño e conta co apoio do Xeoparque Cabo Ortegal e da Deputación da Coruña.