O Chanfaina Itinerante chega a Neda cunha escolma de doce curtametraxes que conectan cinema, territorio e memoria colectiva
A sesión celebrarase o venres 23 de outubro na Piruchela e reunirá historias vinculadas a Neda e San Sadurniño nun encontro audiovisual pensado tamén para compartir e conversar.

O Chanfaina Itinerante sae de San Sadurniño para chegar a Neda o vindeiro venres 23 de outubro ás 20:30h cunha sesión especial na sede do Colectivo Piruchela. A proposta reúne doce curtametraxes que exploran os vínculos entre o cinema, as persoas e o territorio, tomando como fío condutor as historias e a memoria colectiva que conectan Neda e San Sadurniño.
A selección artella unha escolma diversa na que cada peza ofrece unha maneira diferente de achegarse á realidade cultural de Neda e da súa contorna. Algunhas manteñen unha relación directa co municipio, a través dos lugares que retratan ou das historias que contan, mentres que outras establecen conexións persoais, familiares e culturais coas persoas e iniciativas que forman parte da vida da vila.
Entre as obras con vinculación directa con Neda figuran Electra (Colectivo Teño unha horta, 2018), A pena de Vicente (Abel Vega, 2023) e Muíño d'abaixo (Cristina Souto, 2023). A selección inclúe tamén Pedro Chosco (NaraíoMedia, 2023), na que participan dous actores nedenses, e E fíxose a Luz (Fran da Lobeira, 2018), cunha historia próxima á realidade da contorna.
Outras curtametraxes amplían esta rede de relacións a través de diferentes conexións culturais e humanas. É o caso de Casa Torina (Ana Moreiras, 2019), vinculada á relación da artista coa Piruchela, onde se lle dedicou un podcast xunto a Miguel de Lira no que se abordaron cuestións como o Cine do Eo e o Chanfaina Lab. Tamén se proxectará Arrolo (Lucía Estévez, 2018), que conecta coa próxima visita da actriz Melania Cruz á Piruchela. Pola súa banda, A Gatiñeira de San Sadurniño (Fernando Cortizo, 2024) incorpora unha conexión coa celebración do Samaín.
A programación complétase con Onde Cristo falou con Rosa (Pablo Fontenla, 2025), Vellamorta (Juan Galiñanes, 2023), Aquilino das Seixas (Antón Rodríguez, 2019) e Nós mesmas (Ana Pontón, 2017), que contribúen a ampliar a mirada máis alá do estritamente local e a construír un percorrido audiovisual diverso, unido pola idea de proximidade e pertenza.

Cineastas locais, veciños e veciñas de San Sadurniño responsables de varias dascurtametraxes da programación, participarán na presentación da sesión, achegando as súas experiencias e perspectivas sobre as obras. A proxección dividirase en dous bloques, cun descanso na metade, no que as persoas asistentes poderán conversar e compartir impresións arredor dun petisco de chanfaina elaborado polo Tropezón (A Barqueira) cortesía da Piruchela.
A colaboración entre o Chanfaina Lab e a Piruchela encaixa coa vontade de crear espazos onde a cultura sirva para reunir persoas, compartir experiencias e fortalecer os vínculos coa contorna. O colectivo nedense, que combina a actividade cultural, gastronómica e social, aposta por unha programación diversa e participativa que fai da súa sede un lugar de encontro para a veciñanza. A sesión do 23 de outubro súmase a ese espírito, facendo do cinema unha oportunidade para descubrir historias próximas, recoñecer aquilo que une Neda e San Sadurniño e seguir tecendo redes entre iniciativas culturais do territorio.
O Chanfaina Lab está organizado polo Concello de San Sadurniño co apoio do Xeoparque Cabo Ortegal e da área de Cultura da Deputación da Coruña.