O obradoiro de Lucía Iglesias converteu a montaxe nun exercicio de narración audiovisual
A sesión «Hoxe móntase! Contando historias plano a plano» combinou formación e práctica para explorar como construír historias a través da edición.

O XI Chanfaina Lab celebrou o pasado venres 30 de outubro o obradoiro Hoxe móntase! Contando historias plano a plano, impartido pola montadora e realizadora Lucía Iglesias, gañadora de tres premios Mestre Mateo. A actividade reuniu persoas interesadas no audiovisual para achegarse aos procesos e ás ferramentas que permiten transformar unha serie de imaxes nunha historia.
Ao longo das catro horas de formación, as persoas participantes descubriron que a montaxe vai moito máis alá de unir planos: é unha nova etapa de escritura na que cada decisión inflúe no ritmo, na emoción e na maneira en que chega a historia ao público. A organización do material gravado, os criterios para decidir onde cortar e o uso dos diferentes tipos de plano para crear tensión, sorpresa ou suspense foron algúns dos aspectos abordados por Iglesias.

A sesión combinou as explicacións teóricas con exercicios prácticos nos que se puxeron en práctica os coñecementos adquiridos. As persoas participantes no Chanfaina Lab puideron traballar coas imaxes das súas propias curtametraxes, mentres que o resto contou con material audiovisual facilitado para desenvolver os exercicios.
O XI Chanfaina Lab está organizado polo Concello de San Sadurniño e conta co apoio do Xeoparque Cabo Ortegal e da Deputación da Coruña.