Ir ao contido principal

A conta atrás para o XI Chanfaina Lab entra na recta final

Eira de cineastas 2023

A programación do XI Chanfaina Lab concentra esta fin de semana diferentes propostas abertas á veciñanza, desde a Eira de Cineastas e a proxección ao aire libre de Sirat ata unha foliada e dúas exposicións. Ao mesmo tempo, as persoas participantes continuarán co traballo de creación e gravación das súas pezas por diferentes puntos de San Sadurniño.

A actividade aberta ao público comezará o venres 4 de setembro ás 19:00 horas na Casa da Cultura, coa celebración da Eira de Cineastas, unha das citas máis características do encontro. A sesión reunirá 21 pezas, entre filmes, teasers, trailers e fragmentos, que permitirán coñecer unha mostra dos traballos das persoas participantes e achegarse ás diferentes linguaxes e formas de entender o audiovisual presentes nesta edición.

A Eira dará paso, ás 22:00 horas, á proxección ao aire libre de Sirat, de Óliver Laxe, na Praza Ramón Díaz Raña. A sesión trasladarase á Casa da Cultura se as condicións meteorolóxicas non permiten realizar o pase no exterior.

O sábado, a actividade de creación continuará durante o día e pola noite será a quenda da música e do encontro coa veciñanza, cunha foliada ás 23:00 horas no Café-Bar DZINE.

A fin de semana estará acompañada tamén por dúas exposicións fotográficas que poderán visitarse ata o 30 de setembro: Fálame de Ferreira. As escolas da emigración, no local social A Seara de Ferreira, e Chanfaina Lab, na Casa da Cultura.

Este é o programa completo da fin de semana:


VENRES 4 DE SETEMBRO

11:00h a 12:00h | Recepción de cineastas.

12:30h | Acto oficial de benvida na Casa do Concello.

13:00h | Amadriñamento e plantación da árbore conmemorativa do XI Chanfaina Lab na finca da Cortiña.

16:30h Visita guiada ás escolas da Leiriña e da Seara en Ferreira (Traslado en autobús só para as persoas participantes no Chanfaina Lab). A visita permitirá coñecer de primeira man a historia destes dous edificios escolares vinculados á emigración da parroquia e protagonistas da identidade gráfica desta XI edición.

19:00h | Presentacións e proxección da Eira de Cineastas (83 minutos) na Casa da Cultura.

A tradicional Eira de Cineastas permitirá coñecer unha mostra dos traballos das persoas participantes na XI edición, que presentarán diferentes pezas representativas das súas traxectorias. A sesión proxectará Guión curta, de Bieito Beceiro; Senza fine (teaser), de Iván Castiñeiras; San Simón (trailer), de Miguel A. Delgado; Interrail, de Diáspora; Centenario do Himno Galego 1907-2007, de Xaime Fandiño; Natureza galega. A auga doce, de José Roberto Fernández; O vídeo esquecido, de Alba Gallego; Persistencia do baleiro, de Pepe García e Isa Moreno; Mírame (fragmento), de Kevin Lorenzo; Solposto (fragmento), de Iago Lourido; A prisión dixital, de Pablo Martínez; Pura (fragmento), de Carmen Méndez; O refuxio (fragmento), de Monte Z; Einstein-Rosen, de Olga Osorio; A arte do silencio (fragmento), de Cruz Piñón; A derradeira, de A Rigueira Club; Ausencia (fragmento), de Gema Rodríguez; Gralla (trailer), de Rebeca Tella; Gripe aviar (fragmento), de Teño unha horta; Mariela (fragmento), de The Sungirls, e O ourizo (fragmento), de Abel Vega.

22:00h | Proxección de Sirat na Praza Ramón Díaz Raña. O filme de Oliver Laxe, estreado en 2025, poderá verse ao aire libre, mais se o tempo non acompaña, a proxección trasladarase á Casa da Cultura.


SÁBADO 5 DE SETEMBRO

12:00h | Encontro e gravacións de cineastas.

23:00h | Foliada no Café-Bar DZINE. A xornada rematará cunha foliada aberta á veciñanza.


DO 4 AO 30 DE SETEMBRO

Exposición fotográfica Fálame de Ferreira. As escolas da emigración. A mostra poderá visitarse no local social A Seara de Ferreira e percorre a historia das escolas da Leiriña e da Seara e a memoria da emigración da parroquia.

Exposición fotográfica Chanfaina Lab. A mostra, instalada na Casa da Cultura, propón un percorrido polas diferentes edicións do encontro desde a súa creación. Poderá visitarse durante o horario de apertura da Casa da Cultura e da Biblioteca Municipal.