Sinopse
Ninguén arrola aos maiores. Durante o día grava a súa rutina en cintas de casete. Durante a noite, escoita e viaxa a través da memoria e o imaxinario
Cociña da peza
Lucía chegou a San Sadurniño cos deberes feitos, armada cunha idea definida e arroupada por unha gran actriz e mesmo un máis que eficiente axudante de dirección, ambos ademais sacaron tempo para colaborar na peza "Breixo" de Javier Seoane: "A idea de "Arrolo" nace a partir dun interese por contar unha historia co corpo e a imaxe, sen texto, nunha pescuda por tratar de responder cuestións sobre de que maneira o pasado incide no noso presente. Cando eu era cativa, escoitaba contos en cintas de casete polas noites. A narración sonora dos contos axudoume a non ter medo e poder durmir coa luz do corredor acesa. Co paso dos anos, deixei a un lado as cintas pero inconscientemente apareceron de novo durante os meus procesos creativos os últimos anos. Por ese motivo, quixen adicar unha peza exclusivamente á idea de escoitar os recordos. A construción sonora é fundamental. O traballo de Javi Pato no deseño sonoro conseguiu construír, de cero, unha atmosfera acorde á historia. As respiracións, os movementos da actriz, os tactos na parede, o son da cinta: todo está construído a posteriori da rodaxe. Creo pertinente louvar o traballo de todo o equipo, que me acompañou en todo momento por construír xuntos esta historia. E defendo, do mesmo xeito, a necesidade de narrar coa imaxe, esquecer os diálogos, traballar a memoria e o imaxinario persoal nos proxectos de ficción".
"Arrolo" é unha peza claustrofóbica e por veces perturbadora, na que a novísima cineasta viguesa afronta riscos narrativos utilizando o espazo sonoro como un elemento impresdindíbel do relato. Lucía aposta ademais pola complicidade creativa coa súa actriz, implicándose mutuamente na procura de ecos ou voces da memoria nun espazo pechado e atemporal e cunha posta en escena construída entre a rodaxe-proceso e a improvisación planificada: "Os obxectivos desta peza son construír coa escoita. Unha muller pechada nun cuarto. O motivo non importa, non é necesario comprender se é un encerro ou non, nin por que está aí nin dende hai canto. O importante é o retrato desa rutina que se repite día tras día, na que parece que buscase unha maneira de achegarse a ela mesma, de comprender mellor o seu presente, da man da súa nena interior. O traballo interpretativo da man de Melania Cruz permitiu que eu como directora e realizadora puidese xogar. Cada día da ficción se planificou en plano secuencia, deixando á interprete un espazo de pescuda e liberdade para xogar." Así pois, a prometedora cineasta seguiu un dos mandamentos do espírito da Chanfainalab, a experimentación e a procura da mirada propia, como un fito máis desa filmografía persoalísima que está a desenvolver a cineasta de tan só 24 anos, Lucía Estévez. Temos que informar que esta copia é un "work in progress", unha copia aínda non definitiva ata a súa posprodución final durante o verán do 2019, no que inicia o seu periplo por festivais.
Equipo
Dirección
Galería
