
Sinopse
Manolo Seco foi quen de facer realidade un soño: levar a San Sadurniño ata a elite do voleibol en España
Cociña da peza
André tiña moi claro cal sería o tema da súa peza dende o primeiro momento: entrevistar a Manolo Seco: "Revisando as anteriores Chanfainas, e incluso a páxina do concello, vin que faltaba algo, unha persoa que merecía un filme e decidín adicarlle esta primeira chanfaina. Creo que Manolo Seco é a figura máis representativa e importante do pobo, xa que nos deu o noso maior patrimonio, aquilo que representa máis a este pobo, máis que o Pazo da marquesa, máis que o castelo de Narahío: o voleibol. De non ser pola chegada de Manolo, probablemente, por non dicir de seguro, xamais houbera xurdido o voleibol como o fixo, non se reuniría gran parte do pobo para animar ó seu equipo cada fin de semana e nunca se houbera chegado a Superliga 1. Polo tanto, quixen renderlle homenaxe á figura de Manolo, coñecendo un pouco máis a súa vida, sentimentos, pensamentos e hasta curiosidades.Para poder realizar esta peza tiven claro as dúas persoas ás que debía contactar: a primeira, Manolo, por razóns obvias, quen me brindou encantado e agradecido o seu tempo; e Cobelo, que leva á cabeza do Aldebarán dende anos. Contactei con Cobelo para que me abrira as portas do pavillón, xa que dende o principio tiven claro que era o lugar idóneo para a entrevista, onde Manolo emprendeu as súas dúas paixóns, a de ser profesor e adestrador. No apartado técnico e creativo tiven certas dificultades. O primeiro, as preguntas, xa que dende o principio tiven claro que isto non ía ser un documental sobre o Aldebarán nin o voleibol, para nada, é unha entrevista a Manolo e, polo tanto, todo foi enfocado a ese obxectivo, tratando de ser creativo. A nivel técnico non dispoñía das mellores ferramentas de gravación, nin de vídeo nin de son, aínda que fixen todo o posible por facer un bo traballo. Unha das curiosidades de detrás das cámaras é que, a modo de trípode, tiven que usar os tapóns da pista do pavillón para coller o plano que considerei apropiado. Para as transicións gravei e fotografei o pobo, o colexio e o pavillón, ademais do contido que me facilitou o propio Manolo, o cal agradezo moito, que son as fotografías de distintos equipos, o periódico que houbo no club e carteis. Tamén descartei tomas que fixen cun amigo e xogador de voleibol, Carlos Martínez, ao que tamén agradezo o seu tempo, xa que a nivel técnico era difícil realizar o que eu quería facer"
A calquera visitante de San Sadurniño chámalle poderosamente a atención a afección polo deporte do voleibol. Resulta incrible que un concello tan pequeno participe en pé de igualdade cos equipos mais grandes do estado, mesmo na división de honra deste deporte. En "Fabricando Soños" o espectador vai coñecer a resposta a este misterio a través do seu inspirador, Manolo Seco: "Para rematar dicir que moitos elementos da entrevista non se atopan no proxecto final, xa que o ser unha curtametraxe tiven que quitar partes. Unha das preguntas era se imaxinaba algún día que o pavillón se chamase “Pavillón Manolo Seco”, para o cal deixou claro que dende os seus ollo moitas persoas meréceno tanto ou máis: xente que está e estivo no voleibol, a xente de Brío, dos equipos de fútbol que hai en San Sadurniño, ciclistas, etc. Quería rematar con isto porque, tal vez, sería unha bonita homenaxe para un home que deu tanto ó pobo e sería emocionante poder disputar os encontros no “Pavillón Manolo Seco” e que a súa historia chegue a todas as futuras xeracións". Bravo por esta sentida homenaxe, nacida da admiración incondicional dun prometedor cineasta local. Manolo Seco, memoria viva dun sinal identitario de San Sadurniño.
Equipo
Dirección
Galería
