Sinopse
O xogo da mente, a mesma que dificulta percibir o que é real do que non; a que che fai ver cousas que non están, pero xoga contigo para que as vexas sen fin aparente; porque es ti mesmo o que te manipulas sen sabelo, porque así somos, marionetas controladas por nós mesmos
Cociña da peza
Para a súa terceira participación na Chanfainalab, Sebas acudiu ao mundo no que case sempre procura as ideas coas que traballa: o universo onírico e persoal da súa casa de Lamas, como xa fixera o ano pasado: "A idea xurde desa sensación que te da cando espertas dun pesadelo do que non te lembras case nada, mais espertas tan desubicado, que cando saes da cama hai uns intres no que dubidas si de verdade estás esperto ou segues a durmir. Sei que ao mellor semella unha parvada, mais a min pasoume unha vez e como me pareceu unha experiencia interesante, quixen dalgún xeito rexistrar esas sensacións, por iso empreguei planos da miña casa, co percorrido exacto que fixen mentres lle daba voltas a ese pensamento de que si aínda seguía soñando, imaxes dunha casa mesturadas con outras aleatorias, representando así o que fas cando te ergues da cama e a vez que saes da habitación tentas lembrar cal foi o soño e por qué te erguiches sentíndote tan estraño."
"Insomnio" vai sobre o luscofusco do espertar dos sonos e dos soños, como ben explica o propio Sebas; a omnipresente imaxe do reloxo que abrangue o plano por enteiro; as imaxes difusas que se encadean a través de espazos persoais do propio cineasta co obxectivo de reflectir ese "tempo suspendido", no que non somos quen de saber onde estamos e para o que non temos respostas doadas: “O que pretendo e deixar ao espectador desorientado e que pense: Pero qué acabo de ver?; E qué é isto?. A peza comparte a mesma esencia que "Galiñocidio", una mestura de cousas sen sentido e retar ao espectador para que intente encaixar unhas pezas que non teñen relación algunha; porque as veces no hai que buscarlle o sentido ás cousas." Así pois, fagámoslle caso a Sebas suspendamos a consciencia e deixémonos levar pola experiencia onírica e relaxante que nos propón o cineasta de Lamas.
Equipo
Dirección
Galería
