Sinopse
Atoparse na realidade, sen ficción, quere dicir estar nun mundo sen orde. Nese mundo no que todos os momentos, aínda que unidos por un fío, poden ser anteriores ou posteriores ao momento exacto no que as persoas do teu redor dan sentido ao que existe
Cociña da peza
Natalia non viña cunha idea clara sobre o que ía gravar na Chanfainalab. Todo o máis, percorrer o concello e rexistrar algo así como un diario filmado -ao xeito de Jonas Mekas - de todo o que fose aparecendo diante dos seus ollos: “Ao principio non sabía que ía facer. Sabía que quería gravar algo sobre as persoas, sobre os sons e sobre os diferentes espazos de todo o concello. Quería rexistrar a pegada do paso do tempo. Cando, xa en San Sadurniño, souben que ó día seguinte pola mañá ía pasar o tren, foi coma se tivese todo clarísimo. Percorrín a pé moitos lugares do concello gravando todo o que para min tiña algún significado. Limiteime a pousar a cámara, e mentres apuntaba nun caderno que sentido tiña para min cada plano, disfrutaba de todos os lugares novos que pisaba.”
"Sen orde nin ficción" colecciona instantes, momentos e sensacións pautados polos pasos nerviosos e áxiles da cineasta de Neda. Instantes tan fugaces como as miradas dos pasaxeiros dese tren que agardamos e ao fin chega. Imaxes non manipuladas, de "liña clara" que buscan disociar as paisaxes físicas das humanas para transmitir o concepto de que unha non ten sentido sen a outra. Momentos visuais ou sonoros captados como accións da vida, seguindo o ronsel do cine-ollo de Vertov - a quen Natalia admira-, na procura da propia mirada: " Para min esta curta é unha deconstrución da vida que é plasmada en momentos atravesados pola miña mirada. Tratei de dar importancia á presenza das persoas e ao baleiro que estas son capaces de deixar. Por unha parte atópase un mundo sinxelo pero en silencio, sen persoas, no que cada acción e cada son é unha marca do profundo baleiro que a xente que algunha vez estivo aí deixou tras de si. Por outra parte está o mundo humano, o mundo no que, aínda con espazos sen xente, o simple son das persoas chega a cada recuncho enchéndoo de vida. Desta forma creei a peza. Quería mostrar a importancia que teñen as persoas que nos rodean nos nosos momentos, a importancia que dan ás nosas vidas; e todo a través dunha visión pasaxeira que ven e vai por cada lugar polo que pasa e que, cada sitio que pisa, a medida que pasa o tempo, transfórmase nun momento máis a recordar".
Equipo
Dirección
Galería
