Biografía
Antón Rodríguez Fernández, dende ben pequeno compaxinou os seus estudos coa música, tocando o trombón ao longo dunha década. Unindo ramas diversas cultivadas dende pequeno coma a música, o cinema e a literatura, decantouse por estudar Comunicación Audiovisual na Universidade da Coruña coa oportunidade de completar o percorrido académico en Italia e Madrid. Graduouse en 2014 co proxecto Vieiros de Esperanza , documental dedicado a Ricardo Carvalho Calero e premiado como Mellor Traballo de Fin de Grao en galego na Universidade da Coruña. En setembro de 2014 comeza o Máster en Documental e Reportaxe Xornalístico na Universidade Carlos III de Madrid, onde produce e guioniza a curta documental ¡Aúpa, Delibes!, sobre o escritor castelán, ademais de participar en diversas producións audiovisuais de temática variada. Antón traballou en radio, no LAB de innovación da RTVE e en produción de cinema; elaborando simultaneamente proxectos audiovisuais propios e preparándose para optar á docencia do audiovisual nun futuro. Ademais é un apaixonado do cinema do real, da arte, da música e da cultura italiana, sempre coa máxima de non pechar ningunha fiestra pola que poidan entrar raios de inspiración e aprendizaxe.
