Biografía
Aínda que naceu en Ferrol, Carlos A. Quirós pasou longas temporadas na casa da avoa Vicenta en Naraío. Carlos lémbrase "dos xantares familiares polo patrón, as andainas en bicicleta, os baños no río Castro, mais tamén de buscar o leite á tenda ou recoller patacas e mazás na horta da avoa". Titulado en realización pola EIS de Coruña e Produción polo MPXA , Carlos foi alternando traballos industriais como realizador de videoclips, publicidade ou a serie infantil "Os bolechas". Actualmente está a finalizar un docurreality para TVG, "Feito con Cabeza", sobre persoas inxeniosas e inventores de Galicia. Dende a súa produtora Cuerda floja produce pezas máis persoais de indubidable repercusión mediática, mesmo en festivais nacionais e internacionais como o xa clásico viral Ferrol Mola. Tamén ultima a curtametraxe "Servizo Social" que rodará en exteriores de Naraío, ademais dun feixe de ideas e proxectos que bulen polos miolos deste creativo cineasta con raíces en San Sadurniño.
