Biografía
Fran X. Rodríguez (Rianxo, 1980) é un director experimentado e realizador solvente nos eidos do cine documental, ficción ou experimental, así coma na publicidade. Inicia a súa andaina na ficción coa curtametraxe "O Cerco", gañando en 2008 o Premio á mellor montaxe no “Festival de Cortometrajes de Zaragoza”. No 2009 compite no certame “Curtas na Rede” onde gaña o Premio á mellor obra experimental con "Meticulosidade". Neses anos introdúcese no cinema comercial e corporativo da man da axencia de publicidade Bap@Conde. En 2016, dirixe a curtametraxe “Ladrones de Tiempo”, converténdose na primeira peza na historia do Festival de Cans que logra tres galardóns: Premio á Mellor Curta, Premio do Público e Premio ao Mellor Guión. Finalista nos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual. A obra recibiu 12 premios nacionais e internacionais, percorrendo 50 festivais e proxectándose en mais de 20 países. No ano 2018, dirixe e produce "Neno Bonito", sendo finalista nos Premios Mestre Mateo 2019 e alzándose cos Premios do Público no Festival de Cans e no Primavera do Cine de Vigo dese mesmo ano. A fascinación polas secuencias de títulos de crédito forma parte do seu ADN audiovisual, levándoo a dirixir diversas cabeceiras entre as que cabe destacar a realizada para a serie “Hierro” (Movistar+). No ano 2019 cofunda xunto con Santiago Raimundi e David López Mon, a axencia audiovisual "Kaito estudios", onde actualmente exerce como realizador. O lector/a interesado/a pode comprobar a profesionalidade, polivalencia e brillantez do cineasta de Rianxo na súa canle de Vimeo.
