Sinopse
O LIMIAR é o umbral, a delgada liña que une (e separa) as distintas etapas da vida. Martiño vive condenado nese umbral agardando que alguén o libere
Cociña da peza
Fran achegouse a San Sadurniño co seu amigo -e tamén cineasta- Martiño Vázquez. Ambos mergulláronse no territorio na procura dun fío condutor para desenvolver a súa idea ata que agromou por azar: "Cando recibín a invitación para acudir ao Chanfaina, máis aló do orgullo que supón que conten contigo para unha cita de referencia, sentín que era a oportunidade perfecta de evadirme da rutina do traballo diario para enfrontarme ao acto de experimentar nun ambiente onde a competividade e o control ficaban á marxe, deixando paso a unha total liberdade creativa. Nos días previos á cita coa Chanfaina, un cento de ideas pululaban pola miña cabeza, ideas todas elas que non acababan de cristalizar. De camiño a Sansa, Martiño Vázquez máis eu, acordamos deixarnos levar pola pasividade e agardar. Foi así cando nada máis aterrar en Sansa, soubemos que Secundino ía fender leña ó día seguinte. Era a escusa perfecta para artellar unha historia dentro dunha única localización, sendo consecuentes das dificultades que supoñía pero tamén das vantaxes á hora de planificar a realización da peza. Despois de estar toda a mañá gozando dun emprazamento envexable moi a favor da cinematografía e inventándonos planos imposibles, recollemos o material necesario para contar a historia dun adulto que fende leña… pero non era suficiente para que a idea que tiñamos na cabeza collera corpo e tivera sentido. Facíanos falta o contrapunto á idade adulta. Así foi como apareceu a figura de Anxo, un neno da vila cunha dotes interpretativas sorprendentes, que namorou á cámara dende a primeira toma. Foi o complemento ideal para redondear a historia. Mención merecida tamén a da súa nai Isabel e os veciños que se achegaron para figurar e formar parte do elenco."
En "Limiar" están presentes algunhas das teimas de Fran como cineasta: "O tempo, ese espazo común do que sempre me gusta falar, un tema recorrente que, xunto coa familia, asenta a base dos meus traballos máis persoais". Un espazo-tempo fragmentado a través desa montaxe resolutiva e trepidante, arte da que Fran é un autentico mestre virtuoso como ten amosado en todas as pezas da súa traxectoria profesional: "Queriamos recoller ese intre no que todo cambia. Cando de súpeto muda o ciclo vital e pasas de neno a mozo, de mozo a adulto e de adulto a vello. Deso fala "Limiar": Un leñador que fende na leña en modo autómata e rutinario. O adulto atrapado na madurez, condicionado pola responsabilidade de traballar e nada máis que traballar; cortando unha tras outra, agardando o momento de liberarse e cruzar o limiar para saltar á seguinte etapa e así seguir o curso da vida. Comedia e drama sempre da man, intentando a equidistancia tonal entre os xéneros; e tendo como principais referentes o cinema de Tarkovski e Lanthimos e todo elo aderezado coa música de Puccini e Penderecki." Así pois, gocemos desta rotunda, vizosa e pequena gran peza, onde -a través da exquisita fotografía e montaxe vertixinosa- agroma non só o legado dun leñador, senón tamén o dun creador de imaxes na procura de si mesmo.
Equipo
Dirección
Música
Puccini e Penderecki
Galería
