Biografía
Nela Fraga viviu sempre namorada do cine sen saber se se trataba dun amor correspondido. Moitos anos de lecturas filolóxicas, comunicación e xestións culturais despois, logo de axudar a outras creadoras e creadores a cumprir os seus soños, pasou á acción. Primeiro en tímidas aproximacións, cos videoclips para as cancións do artista Secho ‘As sensacións’ e ‘Recuperar’ . Agora entrégase xa a un idilio co cine máis libre e salvaxe, como os cabalos do Forgoselo, que caeu nas súas mans en forma de tomavistas de Super 8. No pasado marzo estreou en San Sadurniño "Dedos do demo, ollos de cabalo" e, seguidamente, a súa ópera prima ‘EXPOSED’ na Filmoteca de Galicia. Afirma que “xa non hai volta atrás” e predica: “Longa vida á ‘Chanfaina’, unicornio de cenorias que cabalga cada ano xerando espazos para soñar creacións que hoxe semellan imposíbeis”.
